A mostra sobre as fotografías antigas de Galicia de Nicolás Muller na Sede Afundación Lugo recibirá máis de mil escolares
«Nicolás Muller en Galicia», a mostra que acolle ata o próximo 21 de febreiro a Sede Afundación Lugo e que recolle imaxes que un dos grandes documentalistas da Europa do século XX sacou durante as súas viaxes á comunidade, recibirá máis de mil escolares procedentes dos centros educativos da cidade luguesa e o seu contorno.
O público xeral, pola súa parte, conta coa oportunidade de percorrer a exposición apuntándose ás visitas gratuítas que Afundación organiza para os días 6 de novembro, 4 de decembro, 8 de xaneiro e 6 de febreiro ás 19.00 h, e cuxa reserva se pode tramitar a través de Ataquilla.com.
«Nicolás Muller en Galicia» ofrece unha selección de 49 imaxes, das cales 34 non foran expostas nin publicadas antes da creación desta mostra, que retratan con humanidade e proximidade as clases máis desfavorecidas. O proxecto expositivo inclúe tamén un audiovisual que contextualiza a figura do autor desde unha óptica actual, destacando a relevancia do seu traballo para achegarnos ao noso pasado e comprendernos como sociedade.
Nicolás Muller (Orosháza, Hungría, 1913 – Llanes, Asturias, 2000) é considerado un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século. Viaxou ao norte da península por un encargo da editorial Clave, que lle pedira a creación de instantáneas para unha serie de libros que debían mostrar unha imaxe moderna de España. O seu obxectivo era romper o illamento do país e, ao mesmo tempo, tornalo atractivo para o turismo e o investimento estranxeiro. Con todo, as fotografías de Muller reflicten unha fonda ollada humanista, centrándose nas xentes traballadoras, as mulleres e os nenos.
O foco posto nas persoas
Nicolás Muller era capaz de comunicarse coa súa cámara e de captar momentos da vida cotiá como xogos infantís, sorrisos e olladas cómplices cunha humanidade especial que foxe do espectáculo ata nos seus retratos das clases máis desfavorecidas. Así, o discurso expositivo artéllase ao redor de cinco temas clave para entender a súa obra: o territorio, o mercado, o mar, a muller e o traballo, e o urbanismo e a modernidade.