
A filantropía e o investimento de impacto na Sede Afundación Vigo
A Sede Afundación Vigo acollerá mañá, martes 17 de xuño, a partir das 11.00 h, a xornada «Filantropía e investimento de impacto», promovida polo Fondo de Fundaciones de Impacto e a Asociación Española de Fundaciones. Nela daranse cita tanto as fundacións ou entidades non lucrativas investidoras en iniciativas empresariais de índole social e ambiental, como as persoas representantes destas compañías, para analizar as consecuencias dunhas sinerxías pensadas para provocar un cambio positivo no modelo emprendedor e no propio tecido empresarial.
A este foro acudirán relatores, conferenciantes e directivos tanto do conxunto de España como do terceiro sector en Galicia, para promover o intercambio de coñecementos nun ámbito de fonda afectación para o global da sociedade.
O investimento de impacto e a Venture Philanthropy son ferramentas clave para maximizar a capacidade de organizacións sen ánimo de lucro de xerar un cambio positivo na sociedade. A través desta estratexia, non só se busca optimizar os recursos dispoñibles para acadar fins sociais, senón tamén garantir a sostibilidade financeira das entidades, facilitando a súa capacidade para seguir operando a longo prazo.
A xornada permitirá explorar casos de éxito, compartir boas prácticas e abrir un espazo de reflexión sobre como estas organizacións poden aproveitar o investimento de impacto para aumentar o seu alcance e influencia, mantendo á vez o seu compromiso coa misión social.