A exitosa versión escénica de Los lunes al sol chega a Vigo para inaugurar a Tempada de abonos de Afundación
«O elenco brilla na súa interpretación»; «o texto en escena gana en emoción, crueza e proximidade» fronte á película. Son algunhas das frases escritas nas críticas da versión teatral da película Los lunes al sol, que chega ao Teatro Afundación o xoves 29 de xaneiro ás 20:30 horas. O espectáculo inaugura a Tempada de abonos que a Obra Social de ABANCA dedica cada ano á arte dramática. As persoas que non dispoñen de abono a prezo reducido poden conseguir as súas entradas en Ataquilla.com. Quedan poucas.
Dende a súa estrea hai máis dun ano no Teatro Calderón de Valladolid, a versión teatral do filme co que Fernando León de Aranoa retratou os anos da reconversión naval en Vigo está a ser moi ben recibido por crítica e público. A obra ten un elenco formado por 8 intérpretes e foi adaptada para o teatro por Ignacio del Moral, quen fora o cocreador, con Fernando León de Aranoa, do guión orixinal do filme que o espectáculo adapta. Del Moral tamén é o responsable dos libretos series de ficción para televisión que tiveron unha audiencia masiva coma Farmacia de guardia ou El comisario. Colaborou, na adaptación do guión, con Javier Hernández-Simón, director da obra.
A forza da palabra
A adaptación da historia cinematográfica ao teatro, os diálogos entre os protagonistas da trama gañan en crueza e en emoción. E danlle intensidade a unha historia que, en palabras do director do espectáculo, parte da quebra «da ilusoria rede de seguridade que cremos que existe», pero que nos lembra que «só xuntos poderemos sacar o barco da area».
Defenden a obra, sobre as táboas, as actrices Mónica Asensio e Lidia Navarro, e os actores Marcial Álvarez, José Luis Torrijo, Fernando Cayo, Fermi Herrera, Fernando Huesca e César Sánchez. Este último interpreta o papel de Amador, o personaxe ao que na versión cinematográfica dáballe vida o actor pontevedrés Celso Bugallo, tristemente finado no pasado mes de decembro. César Sánchez é un clásico da escena teatral española, na que debutou en 1972. Tamén é coñecido polas súas interpretacións nalgunhas das máis populares series de televisión das últimas décadas.
Tempada de abonos
A nova Tempada de abonos do Teatro Afundación programa 7 espectáculos no primeiro semestre do novo ano. O público poderá asistir a algunhas das obras teatrais máis celebradas en España nos últimos meses. Todas as funcións, menos unha, serán nas noites dos xoves. Intérpretes coma María Galiana, Ana Duato, Darío Grandinetti, Anabel Alonso, María Barranco, Imanol Arias ou Carmen Morales danlles vida aos espectáculos que pasarán polo escenario do teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo nos vindeiros meses coma parte da Tempada de Abonos.
As obras vencelladas a este ciclo dedicado polo Teatro Afundacion á arte dramática forman parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes ás funcións poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores dispostos para tal fin no teatro. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.
Hai imaxes do espectáculo nesta ligazón