«Imaxinaria», o Festival Internacional de Animación de Afundación, volve o 11 marzo con 38 curtas internacionais a competición
O Festival Internacional de Animación Afundación «Imaxinaria» regresa en 2026 á Sede Afundación (A Coruña) do 11 ao 15 de marzo cun programa coa maior presenza internacional, e tamén a maior presenza galega, das súas catro edicións. O público do festival poderá asistir ás estreas en Galicia de tres obras nomeadas a galardóns nacionais e internacionais: trátase das longametraxes Decorado e Arco e da curta La jeune fille qui pleurait des perles. Decorado, de Alberto Vázquez, acaba de gañar o Goya á mellor película de animación; e Arco, de Ugo Bienvenu, está nomeada ao Oscar á mellor longametraxe de animación. O filme La jeune fille qui pleurait des perles, de Chris Lavis e Maciek Szczerbowski está nomeada ao Oscar á mellor curtametraxe da animación.
A Sección oficial a concurso do festival está composta por 38 curtametraxes internacionais de animación contemporánea organizadas en bloques internacionais e infantís. Todas as películas, que proceden de 18 países, foron producidas en 2025. Máis do 64 % das obras son estreas territoriais, ben en Galicia (13), ben en España. (11).
Na selección figuran tamén dúas curtametraxes galegas: O corpo de Cristo (Bea Lema) e Lucus (David Fidalgo Omil).
A programación foi presentada esta mañá polos seus directores, o cineasta coruñés Alberto Vázquez e a comisaria da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, Matilde Rodríguez; a coordinadora de Cultura de Afundación, Marité Cores, e Manuel Mora, director do Banco de alimentos Rías Altas.
O Festival Internacional de Animación Afundación «Imaxinaria» estrutúrase ao longo de cinco xornadas e inclúe sesións de Sección Oficial, actividades interxeracionais con convidados internacionais, e espazos específicos como «Na retina», «Radar Galicia», «Foco singular» e o novo «Foco indie», que se incorpora este ano como novidade.
Sylvain Chomet, padriño do festival: clase maxistral e retrospectiva
O padriño da cuarta edición de «Imaxinaria» será o cineasta Sylvain Chomet. Trátase dun dos grandes realizadores das últimas décadas. Co seu estilo distintivo, que combina unha estética retro detallista con narrativas cargadas de nostalxia e humor visual, acumula catro nomeamentos aos premios Oscar, un BAFTA e un Cesar, ou o gran premio do Festival de Annecy.
Chomet Impartirá unha charla sobre animación e o festival dedícalle unha retrospectiva á súa obra con dúas proxeccións destacadas. A primeira será o xoves 12, con Benvidos a Belleville, nun pase que contará con presentación do director. Xa o sábado 14, o público poderá asistir á proxección de Unha vida magnífica, anunciada como estrea en Galicia e que tamén contará con cunha presentación previa do director.
Na xornada de clausura, Sylvain Chomet recibirá o galardón ao padriño do festival. Proxectarase ademais a súa curtametraxe La vieille dame et les pigeons (A vella e as pombas).
Novo «Foco indie»: unha sección para a animación independente
«Imaxinaria» incorpora este ano a sección «Foco indie», orientada a achegar ao público procesos e modelos de creación vinculados á animación independente.
A sesión do venres 13 reunirá a Rafillo, Alex Rey, Rapapawn e Giovanna Lopalco, combinando charla e proxección dunha selección de pezas, coa moderación de Tribu Dibu.
Talento novo amplía a súa convocatoria a toda Galicia
O festival reforza en 2026 a súa aposta polo relevo xeracional a través do concurso «Talento novo», que nesta edición se abre a centros educativos de toda Galicia. O obxectivo é ampliar a participación e darlle visibilidade ao traballo do alumnado que se está formando no ámbito artístico, audiovisual e da animación en diferentes puntos, incorporando novas miradas e acentos ao festival.
O concurso terá o seu momento central no evento de clausura do domingo 15 de marzo, coa proxección das pezas seleccionadas e a entrega de premios.
«Radar Galicia» e «Na retina»: dúas proxeccións especiais e encontro co público
Dentro de «Radar Galicia», o festival programa o mércores 11 a proxección especial de Decorado, de Alberto Vázquez, nomeada aos premios Goya, seguida dun coloquio co director.
A sección «Na retina» acollerá o sábado 14 unha proxección especial de Kirikú e a bruxa, de Michel Ocelot, cunha proposta de música en directo a cargo de Rosin de Palo, nunha sesión concibida para público familiar.
A programación complétase o domingo 15 cun pase da película nomeada aos Oscar: Arco, de Ugo Bienvenu, tamén orientada ao público familiar.
Sección oficial: cinco sesións e unha proposta específica para público familiar
As películas a concurso están organizadas en 5 seccións que se poderán ver entre o mércores e o sábado. Algunhas destas sesións contarán con presentacións a cargo de convidados e profesionais vencellados á programación como David Fidalgo Omil, Álex Rey e Bea Lema. O festival inclúe tamén unha Sección oficial familiar o sábado 14 pola tarde, dentro do bloque de actividades pensadas para público infantil e interxeracional.
A selección de películas combina diversidade cultural e innovación técnica: predomina a animación 2D CGI (46%), xunto con propostas híbridas, stop motion e técnicas tradicionais. Entre os recoñecementos da competición figuran nomeamentos a premios internacionais e presenza en festivais como Sundance, Locarno ou Rotterdam.
«Foco singular»: Réka Bucsi e Nicole Stafford
A sección «Foco singula» reúne o traballo de Réka Bucsi e Nicole Stafford, dúas creadoras internacionais cuxa obra transita entre a experimentación visual, a sensibilidade artística e unha forte identidade propia.
Programa escolar e familiar: actividades para crear públicos
«Imaxinaria» mantén en 2026 unha programación específica para centros educativos e para familias. O programa escolar desenvolverase nas mañás do xoves 12 e do venres 13, con dúas sesións adaptadas por franxas de idade.
O programa familiar concentra actividades e proxeccións ao longo da fin de semana, incluíndo a Sección Oficial Familiar e un obradoiro infantil o sábado 14 pola tarde.
Realidade aumentada: «Imaxinaria» como experiencia expandida
Como novidade de 2026, o festival incorpora unha proposta de Realidade Aumentada (RA) para ampliar a experiencia do público e reforzar a interacción co universo visual de «Imaxinaria» dentro e fóra da sede, sen necesidade de descargar aplicación ningunha, facilitando tamén a creación e compartición de contidos en redes.
«Cultura por alimentos»
«Imaxinaria», un proxecto que é posible grazas á colaboración de Acción Cultural Española, forma parte da iniciativa solidaria «Cultura por alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). A recadación íntegra da venda de entradas do festival destinarase ao Banco de Alimentos Provincia da Coruña.
Imaxes da presentación e trailer do festival AQUÍ