Máis de 3500 escolares de Galicia achegaranse en IMATXINA ás matemáticas do século XXI
Todos podemos facer matemáticas. Este é o espírito co que se celebrará a XIV Edición de IMATXINA, un encontro didáctico organizado pola Fundación Escola Rosalía e Afundación, a Obra Social de ABANCA, onde se difunde un modelo no que as matemáticas se ensinan dunha forma lúdica, manipulativa e participativa.
Máis de 3500 nenas e nenos procedentes de 70 centros educativos de toda Galicia participarán, con carácter gratuíto, durante catro semanas nos distintos obradoiros que se desenvolverán no marco de IMATXINA, adaptados ás etapas educativas do estudantado: desde os 11 ata os 16 anos.
Aprender a traballar en equipo, valorar e respectar as opinións propias e alleas, fomentar a imaxinación e a creatividade, a curiosidade e o espírito crítico son os obxectivos principais de IMATXINA, que tamén busca sensibilizar a comunidade educativa e presentarlle como as matemáticas se poden ensinar e se poden aprender dun modo divertido, dinámico e atractivo.
Os centros escolares poderán participar tamén no concurso Ligamats, unha liga entre equipos que terán que resolver problemas e actividades relacionadas cos contidos traballados nos talleres: espellos, xogos de estratexia, ilusións ópticas, pentaminós, tangram, etc. Os catro equipos finalistas da fase final galega de cada categoría serán premiados con material educativo. Os dous primeiros centros clasificados en cada categoría tamén recibirán un premio.
IMATXINA terá lugar a súa XIX edición no Campus de IESIDE na Coruña (Ronda de Nelle, 31), desde o 15 ata o 22 de marzo, e na Sede Afundación en Vigo (Policarpo Sanz, 26) desde o 5 ata o 20 de abril. Os centros educativos interesados en participar poden encontrar toda a información e solicitar a súa inscrición na web de Imatxina.
AFUNDACIÓN, LA OBRA SOCIAL DE ABANCA
IMATXINA intégrase no proxecto educativo desenvolvido por Afundación, unha das tres liñas estratéxicas nas que traballa a entidade. A Obra Social de ABANCA potencia a educación a todos os niveis, desenvolvendo a través de IESIDE un modelo de educación superior baseado na excelencia, innovación e internacionalización, que se estende tamén á formación profesional e á educación infantil. Así mesmo, Afundación ofrece unha programación complementaria ao ensino regrada, na que participan anualmente máis de 120.000 nenos e nenas, deseñada como unha ferramenta de reforzo dos programas curriculares dos centros escolares. A proposta desenvólvese en tres ámbitos: cultura, os proxectos interxeracionais vinculados ao envellecemento activo e o programa de educación financeira de ABANCA e Afundación.
A FUNDACIÓN ESCOLA ROSALÍA
A Fundación Escola Rosalía é unha entidade sen ánimo de lucro nacida en Vigo en 2013 para promover o interese xeral por medio da educación en valores, fomentando os valores democráticos do respecto, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade e os demais valores cívicos establecidos nas bases pedagóxicas impulsadas pola súa presidenta de honra, Tita Cal.