Ictus (Anatomía de «A derradeira leición» do Dr. Castelao), de Chévere Teatro chega ao Auditorio de Afundación
«Como enfrontarse a unha memoria incómoda? Como afirmar a verdade do acontecido fronte ás narrativas de reconstrución da memoria?». Esas son as preguntas ás que Chévere Teatro trata de dar resposta no seu novo espectáculo: Ictus (Anatomía de «A derradeira leición» do Dr. Castelao). A compañía escolleu para comezar a xira do espectáculo o Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra. A función será o venres 27 de febreiro ás 20:30 horas e contará con intérprete de lingua de signos en escena e audiodescrición en directo.
En Ictus cóntase a historia do famoso cadro de Castelao que centra a trama, dende que foi concibido coma unha estampa do álbum Galicia Mártir, ata que en 2018 chega a Galicia por vez primeira para ser exposto. Pero alén da historia do cadro, Chévere «trata de desvelar», logo dun longo traballo de investigación, «a arquitectura das distintas historias que se contan sobre o cadro e a que razóns, intereses e valores responde cada narrativa». Así o explican na documentación do espectáculo. As poucas entradas que aínda quedan dispoñibles están en Ataquilla.com.
Ictus (Anatomía de «A derradeira leición» do Dr. Castelao) está co-producida polo Centro Dramático Nacional. Asina a dramaturxia, e a dirección, Xron. O espectáculo inaugura en Pontevedra a Tempada de Abonos de teatro da Obra Social de ABANCA na cidade.
O ciclo, que continúa o 13 de marzo con La Música, protagonizada por Ana Duato e Grandinetti, permite asistir no Auditorio da Sede da Obra Social de ABANCA a algúns dos mellores espectáculos do ano en España. Completan as propostas da Temporada de Abono no primeiro semestre do ano Mejor no decirlo, con Imanol Arias e María Barranco -17 de abril-, Querida Agatha Christie -8 de maio-, e a obra Inmaduros, cun elenco liderado por Carlos Sobera e que se representará o día 12 de xuño.
Investigación
Chévere Teatro autodefínese coma «unha compañía de axitación teatral con máis de 35 anos de traballo». A compañía, que foi merecedora do Premio Nacional de Teatro en 2014, intégrana un núcleo artístico estable dende a súa fundación: Miguel de Lira, Xesús Ron, XRon, Patricia de Lorenzo. E colaboran habitualmente diferentes artistas nas súas producións. Nos últimos anos asinou espectáculos coma Eroski Paraíso, que despois será convertida en película.
Para construír Ictus, a compañía fixo un interesante traballo de investigación sobre a construción da memoria. Chévere encargou unha reprodución do cadro a tamaño natural e presentouna en contextos públicos diversos: feiras, festivais, escolas, bibliotecas, mercados, universidades,... A carón do cadro, colocaron un código QR con acceso a un cuestionario tipo test a través do teléfono móbil e a partir do cal as persoas podían referirse ao cadro. E, dende Chévere, podían comprobar o coñecemento da obra e do seu significado simbólico para as persoas.
«Dispositivo documental»
O resultado é unha obra que dende Chévere Teatro tamén definen coma «dispositivo documental». A obra edifícase sobre unha viaxe inversa á procura da memoria do cadro, desde o acto de recepción que lle organiza o goberno galego cando chega por primeira vez a Galicia no 2018 para protagonizar unha exposición sobre a educación, ata o acto en memoria de Alexandre Bóveda no que se presenta en público por primeira vez no Centro Ourensán de Bos Aires (Arxentina) o 17 de agosto de 1945.
Na trama, unha muller que asistira á recepción do cadro en Galicia en 2018, precisa reconstruír a memoria logo de que un accidente cerebro-vascular lle cause, no propio evento, o dano cerebral adquirido.
A obra é unha das 18 propostas de espectáculos programados pola Obra Social de ABANCA en Pontevedra no primeiro semestre do ano.
Os espectáculos vencellados á Tempada de Abonos de teatro de Afundación forman parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes ás funcións poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores dispostos para tal fin na Sede de Afundación. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa área de influencia.
Hai unha imaxe do espectáculo nesta ligazón