A Obra Social de ABANCA presenta na Sede Afundación A Coruña a exposición «O noso planeta» en primicia mundial
A Obra Social de ABANCA, en colaboración con Planeta e Netflix presentaron hoxe, mércores 6 de novembro, na Sede Afundación A Coruña, a nova aposta cultural da entidade galega en primicia mundial: a exposición «O noso planeta». Esta mostra, reflexo do compromiso de Afundación coa sostibilidade e a protección do medio ambiente, está baseada na recoñecida serie homónima producida por Netflix e que bate todos os récords de audiencia da súa programación, superando calquera serie ou película da súa carteleira. A esta rolda de prensa asistiron o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o experto en medio ambiente e reputado ecoloxista, Joaquín Araújo.
Ambos os dous quixeron destacar a relevancia da implicarse no respecto polo medio ambiente para poder garantir unhas condicións de vida dignas. Neste sentido, Miguel Ángel Escotet avogou por «comprometerse coa sostibilidade, unha implicación que é, finalmente, un exercicio de afecto e que determina a ética da vida, porque nada lle dá máis sentido á existencia que procurar deixar ás xeracións vindeiras un mundo mellor que o que nos foi entregado». Joaquín Araújo, pola súa parte, quixo remarcar que o ecoloxismo «trata de comprender para non destruír, e esta mostra de Afundacion é un magnífico exemplo. Proxectos coma este son moi necesarios e urxentes no momento que estamos vivindo. Esta exposición pon especial énfase na parte emocional, na estética, porque a beleza é moitas veces o único salvavidas que nos queda. Non está todo perdido, podemos facer moito».
«O noso planeta»
Estruturada en oito bloques, esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. A partir do documental que a plataforma audiovisual Netflix produciu para a televisión, e para o que conta coa locución de David Attenborough en inglés e de Penélope Cruz en castelán, e cuxa coordinación correu a cargo de Alastair Fothergill e Keith Scholey, Afundación, a Obra Social de ABANCA, e Planeta, editora do catálogo, presentan esta exposición en primicia mundial.
«Mundos de xeo», «Auga doce», «Pradeiras», «Desertos», «Bosques», «Selvas», «Litorais» e «Mar a fóra» son as oito divisións nas que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, sempre acompañados por un parágrafo contextualizador. A proposta de Afundación consiste en presentar unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade experiencial, na cal a interactividade e a realidade virtual son partes fundamentais. Así, a mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos interactivos que invitan as persoas visitantes a se familiarizaren dun xeito activo con conceptos como globalidade ou sostibilidade.
O compromiso de Afundación, a Obra Social de ABANCA, coa sostibilidade e o respecto ao medio ambiente motivou a realización desta mostra, xa que un dos principios fundamentais e transversais a toda a entidade reside, precisamente, en traballar consonte un modelo máis sostible que condense a aspiración a unha vida máis digna en todos os sentidos posibles. Deste xeito, Afundación e ABANCA son entidades comprometidas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e procuran, nos seus diversos ámbitos de actuación, divulgar o principio de sostibilidade como motor das actividades que se realizan.
«O noso planeta» permanecerá aberta ata o próximo 8 de febreiro de 2020, de 10.00 a 14.00 h, para colectivos escolares e grupos previa reserva, no que xa se apuntaron máis de 3500 escolares, e para público xeral en horario de 14.00 a 21.00 h, de luns a venres, e de 11.00 a 21.00 h, os sábados e festivos. Todos os mércores e venres, non festivos, realizarase un percorrido guiado ás 19.00 h de xeito gratuíto.
«O noso planeta». Máis ca unha exposición
Os proxectos expositivos organizados por Afundación, a Obra Social de ABANCA, caracterízanse por transcenderen o estático concepto de mostra tradicional. No seu impulso como entidade dinamizadora da cultura e da formación, Afundación busca levar as exposicións máis alá das salas que as acollen e apelar á participación da sociedade nas diferentes actividades que deseña con cada proxecto.
Deste xeito, organizouse un completo programa de encontros, cursos e espectáculos nos que o noso planeta e a súa sostibilidade son o cerne.
O propio día da inauguración, ás 19.00 h, Joaquín Araújo, un referente na divulgación ambiental e símbolo do movemento ecoloxista, ofrecerá unha conferencia, «Planeta vida», na que abordará os retos aos que nos enfrontamos por mor das serias alteracións ás que os seres humanos sometemos o noso planeta. Labrego de profesión, leva plantadas en torno a 25 000 árbores, case unha por cada día vivido. O seu labor de divulgación ecoloxista e de compromiso coa sostibilidade como mecanismo para unha vida digna valeulle numerosos recoñecementos mesmo a nivel internacional, entre eles, o prestixioso Global, concedido pola ONU, e o Wilderness Writing, do que é o único español galardoado.
No marco da exposición ofrecerase a posibilidade de asistir á proxección do documental de Netflix O noso planeta, un dos contidos estrela da plataforma audiovisual. Será os días 9, 16, 23 e 30 de novembro, 7 e 21 de decembro e o 2, 3, 11 e 18 de xaneiro, en sesión continua entre as 12.00 e as 20.00 h. A serie documental é froito de catro anos de traballo e foi producida por Silverback Films en colaboración con WWF. Rodouse en 50 países de todos os continentes cun equipo de máis de 600 persoas.
O día 14 de decembro estará en escena a obra de teatro para a toda a familia Gaia. De acordo coa promoción de valores éticos en todas as propostas de carácter escénico para escolares que organiza Afundación, a Obra Social de ABANCA, nesta peza abordarase a importancia da sostibilidade para que todas as persoas poidan gozar dunha vida digna neste planeta.
«Cine e natureza» é o título do ciclo de películas que se proxectarán na Sede Afundación A Coruña co gallo desta mostra. La princesa Mononoke, Mañana, Alma salvaje, Wall-E e El viaje del emperador son os filmes nos que se tratará a relación, por veces contraditoria, do ser humano co medio no que vive.
Na liña dos cursos de cociña que de maneira habitual organiza a Obra Social de ABANCA, nesta ocasión preséntase «Cociña en familia para un planeta sostible». Partindo dos programas interxeracionais como mecanismos de cohesión social e de consolidación do respecto entre xeracións, desenvolveuse este curso no que a sostibilidade marcará a selección de materias primas e a técnica de preparación para o menú que se elabore.
Para reservas de grupos, adultos ou escolares, ou consultas en torno a calquera das actividades complementarias de «O noso planeta», o teléfono de contacto é o 981 185 060.