Afundación e o Museo do Pobo Galego presentan a exposición «A Idade do Ferro» en Lugo
Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración co Museo do Pobo Galego, presentou esta mañá en Lugo a exposición fotográfica «A Idade do Ferro», obra do fotoxornalista José M. Salgado. Na rolda de prensa interviñeron o autor das fotografías, José Manuel Salgado; o ferreiro en activo Toño de Manán; a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano.
A mostra poderase visitar a partir de hoxe e ata o vindeiro 14 de xullo na Sede Afundación de Lugo (praza Maior, 16) de luns a sábado en horario de 18:00 a 21:00 h.
A EXPOSICIÓN «A IDADE DO FERRO»
Esta exposición é o froito do traballo durante catro anos, entre 2014 e 2018, do fotoxornalista José M. Salgado dentro da área xeográfica das cuncas dos ríos Eo e Navia, tanto na súa vertente lucense como asturiana, na busca dos últimos ferreiros das comarcas da Fonsagrada, Terra de Miranda, Oscos e Taramundi. En calquera caso, o ámbito xeográfico abarcado non se limita a esa zona, xa que a mostra tamén inclúe dous ferreiros de Lugo e O Corgo.
Este ensaio fotográfico leva o espectador para coñecer intimamente as xentes do ferro, os maiores, xa retirados en moitos casos, os traballadores en activo e as novas incorporacións (nalgún caso, como nos Oscos, de xentes foráneas) que dan alento a unha profesión milenaria. Tamén se deixa entrever claramente a influencia dos ferrones vascos e navarros que emigraron ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII desde Euskadi e Navarra a Asturias e Galicia e foron os responsables de boa parte das ferrerías hidráulicas galegas e asturianas.
O traballo de José M. Salgado explora, ademais da paisaxe humana, os escenarios xeográficos e os vestixios industriais da idade moderna, cando nesta zona limítrofe os traballadores do ferro se contaban por centenares. Son uns sesenta ferreiros, máis de medio cento de historias persoais na área europea con maior concentración, aínda hoxe, de forxas en activo. O fotógrafo tivo en mente os pioneiros da fotografía etnográfica de hai un século, Ferrer, Suárez, Ruth Mathilda Anderson ou W. Ebeling, quen percorreu igualmente os camiños, as forxas e mazos de Riotorto, en Lugo, así como as correntes contemporáneas do foto-documentalismo. O que a exposición mostra, a pesar dun verniz aparentemente costumista, é a realidade no momento actual dunha actividade laboral en declive na que se expresa a difícil adaptación ás contornas cambiantes que moitas áreas rurais experimentaron.
Do total dos ferreiros retratados, un bo número seguen en activo, especialmente nos municipios de Riotorto e Taramundi. No primeiro caso, o produto principal foi desde hai décadas as fouces de todo tipo que, ata os anos sesenta, se enviaban en enormes camións ás segas das dúas mesetas. No caso de Taramundi, o auxe do turismo rural na zona desde hai trinta anos favoreceu a produción das navallas típicas da zona, que hoxe son a súa icona e lembranza principal.
Cada artesán ten o seu enfoque sobre a tradición. Algúns seguen con producións pequenas e o sistema de forxa tradicional; noutros casos, incorporaron certa mecanización. Un caso particular dentro do conxunto constitúeno os artesáns que actualmente traballan na comarca asturiana de Oscos: un austríaco, Friedric Bramsteidhl; unha xaponesa, Keiko; e o seu esposo José Román Toquero, natural de Valladolid. A súa presenza axuda a manter unha profesión, literalmente, milenaria.
O AUTOR, JOSÉ M. SALGADO
Xornalista e fotógrafo, promove distintas actividades relacionadas coa difusión cultural, comisariado de exposicións ou edición de libros, entre outras. Acumula unha ampla experiencia no eido da documentación etnográfica, unha bagaxe que constituíu un impulso definitivo para esta mostra. No campo da fotografía, esta faceta documental é unha das ramas que máis cultiva e que máis o definen.
TOÑO DE MANÁN, FERREIRO EN ACTIVO
Toño de Manán é un dos ferreiros fotografados por José M. Salgado que protagonizan esta mostra. Dedícase ao ferro a tempo completo, é a súa profesión, o que supón un raio de esperanza para a viabilidade das profesións tradicionais. É herdeiro dun patrimonio e técnica presentes en Santa Comba (Lugo), a súa zona de orixe, e o seu traballo destaca por seguir producindo pezas como as fouces con técnica de corte, de gran tradición e símbolo dos ferreiros da zona.