O Teatro Afundación programa un espectáculo cada 3 días no mes de marzo
Os cantantes Amancio Prada e Pasión Vega, intérpretes coma Ana Duato e Darío Grandinetti; e as cancións tradicionais de Treixadura, e musicais que volven sobre as músicas de grupos e artistas lendarios coma o conxunto pop Mecano e a cantante francesa Edith Piaf. Son algunhas das propostas do Teatro Afundación no mes de marzo, no que a música clásica chegará con senllas presentacións da Real Filharmonía de Galicia (RFG), que celebra tres décadas de historia, e da Orquestra Vigo 430. As entradas poden obterse en Ataquilla.com.. Para algún dos espectáculos, coma o concerto de Amancio Prada, o da RFG, ou o show de Abián Díaz, están practicamente esgotadas. A programación inclúe un total de 13 propostas, case unha cada 3 días.
Comediantes
O comediante Abián Díaz será, precisamente, o encargado de inaugurar a programación mensual. Farao o domingo 1 de marzo ás 18.00 h co espectáculo Show patético, que se presenta no Auditorio do teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo. Na presentación do Show patético, Díaz diríxese directamente ao público: «Farei todo o posible para que rías de tal maneira que teñas que verte coa necesidade de abandonar en metade do espectáculo a función se non queres desfalecer por falta de aire». O seu é un dos dous monólogos programados en marzo no Teatro Afundación. O tamén comediante Facu Díaz presentarase o sábado 21 de marzo, ás 20.30 h, con Esto no es culpa de nadie. Quedan moi poucas entradas, tamén, para este espectáculo.
Os momentos da RFG, Treixadura e Amancio Prada
A RFG inaugura a programación musical do mes cun concerto no que celebra o seu trixésimo aniversario e que forma parte da Tempada de Abonos de Clásica da Obra Social de ABANCA en Vigo. Presentaranse cun programa sorpresa baixo a dirección de Baldur Brönnimann.
A música clásica volverá ao escenario do Teatro Afundación o venres 20 de marzo ás 20 h da man da Orquestra Vigo 430 co concerto Camiños da alma. Interpretarán temas de Bruch e Brahms.
A programación musical inclúe outras dúas citas moi especiais: o sábado 7 de marzo, o cantante Amancio Prada celebrará co público vigués as cinco décadas transcorridas dende que gravara o emblemático disco no que musica poemas de Rosalía de Castro. Amancio Prada presentarase no Teatro Afundación o sábado 7 de marzo ás 20.30 h.
Unha semana despois, o sábado 14 de marzo, o grupo de música tradicional Treixadura interpretará por primeira vez en directo os temas do seu novo disco: Portalén.
Treixadura leva 35 anos interpretando o cancioneiro popular con total apego á tradición. Sen artificios nin hibridacións. Portalén é o seu noveno álbum. O concerto de lanzamento do disco será a única ocasión, aseguran, na que interpretarán «o repertorio íntegro do álbum xunto cos grandes clásicos» do grupo.
Completan a programación musical un concerto de Pasión Vega adicado ás cancións que forman parte das bandas sonoras das películas de Almodóvar -6 de marzo; 20.30 h-, e ata tres musicais: Michael's Legacy (Tributo a Michael Jackson), Me cuesta tanto olvidarte (Homenaje a Mecano), e Piaf! The Show, arredor da vida e da obra da cantante francesa Edith Piaf.
O mellor teatro
A programación da Tempada de Abonos de teatro volve traer este mes a Vigo a obra La música, con Ana Duato e Darío Grandinetti. Baixo a dirección de Magüi Mira, Duato e Grandinetti dan vida a un texto de Marguerite Duras que narra o reencontro dunha parella cuxos membros levan dous anos apartados e que se reúnen nun hotel, toda unha noite, para pechar os trámites do seu divorcio. O amor, a dor ou a paixón son parte fundamental da historia.
Xa o 22 de marzo, a actriz Anabel Alonso subirá ao escenario do Teatro Afundación para interpretar La mujer rota. Con texto de Simone de Beauvoir, a obra explora a crise existencial dunha muller que, soa na súa casa, sen poder durmir, se enfronta aos seus recordos, ao seu presente e ao seu futuro. A directora do espectáculo, Heidi Steinhardt, destaca entre as grandes características deste texto de Beauvoir unha distancia do «pensamento maniqueo» que lle permite «deixar sobre a mesa moitos interrogantes e ningunha resposta».
Concerto solidario
Os músicos Alberto Cunha, Sabela Cereijo e Andrés Cunha encargaranse de protagonizar a última das propostas da programación do mes nun concerto solidario a beneficio da Asociación Española contra o Cancro. Nel homenaxearán os grandes éxitos en español dos anos 60 e 70 reinterpretándoos cunha perspectiva contemporánea e un son pulido, elegante e atractivo. O grupo ofrece unha viaxe musical chea de nostalxia, emoción e ritmo, conectando diferentes xeracións a través de cancións que forman parte da nosa memoria colectiva.
Hai imaxes dalgúns dos espectáculos nesta ligazón