O Teatro Afundación programa en febreiro unha completa proposta escénica
Cando o 28 de febreiro La Banda Sabinera despida o concerto tributo a Joaquín Sabina que dará no Teatro Afundación, rematará unha programación de cultura e espectáculos, a da Obra Social de ABANCA en Vigo no mes de febreiro, que inclúe un espectáculo, practicamente, cada dous días. O público do Teatro Afundación poderá asistir no segundo mes do ano a 13 propostas culturais diferentes. Haberá música clásica, moderna, música coral, ballet, monólogos ou unha nova cita coa Tempada de Abonos de Teatro. Para espectáculos de humor coma Misión: Impro-sible. Aguilera y Meni, que será o 20 de febreiro, as localidades están practicamente esgotadas dende mediados de xaneiro. Apenas quedan tampouco para o primeiro dos dous concertos que dará Luz Casal os días 26 e 27. As entradas aínda dispoñibles para os eventos do mes están en Ataquilla.com.
O Ballet de Kiev encargarase de inaugurar a programación musical este martes, 3 de febreiro ás 20.30 horas cun clásico da tempada invernal: A bela durminte, con música de Piotr Tchaikovsky e libreto de Charles Perrault. Será un dos dous únicos espectáculos celebrados en martes ou mércores. A programación desenvólvese nas noites de xoves, venres e sábado. Practicamente en todas as do mes.
Talento vigués
A Coral Casablanca será a primeira das 3 formacións musicais viguesas que se presenten no Teatro Afundación en febreiro. Volven co seu tradicional concerto solidario, que se celebra a beneficio de diferentes organizacións non gobernamentais que traballan en Vigo e a súa área de influencia, o venres 6 ás 20:30 horas.
Na noite do Día dos Namorados, a do 14 de febreiro -20:00 horas-, será a Orquestra Vigo 430 a que ofreza un concerto que se construirá arredor do violín da chinesa-estadounidense Nancy Zhou, acompañada polo Ensemble Vigo 430 -viola, violín e violoncello-. O nome do concerto é toda unha declaración de intencións: Do íntimo ao infinito.
Xa o xoves 19 de febreiro -20:30 horas- o Simia Coro presenta un concerto cun programa que lle devolverá ao público os sons dunha das bandas sonoras de cinema máis celebradas da historia. O Cinema Paradiso Simia Coro Show chega ao Teatro Afundación, tamén, con afán solidario. A recadación destinarase a apoiar a ONG Aulas Abiertas.
Da música sinfónica a María Galiana coa programación de abono
O Cinema Paradiso Simia Coro Show é un dos dous concertos dedicados ás composicións orquestrais para películas. O outro será o que dará o sábado 21 de febreiro ás 19:30 horas a Royal Film Concert Orchestra, unha formación que xira por diferentes países e xa pasara en anteriores ocasións polo Teatro Afundación. O título da sesión musical é «Zimmer, Williams e 100 anos de cinema».
Catro días despois, o mércores 25 de febreiro -20:00 horas- será a Philharmonische Streichquintett Berlin a que leve a música sinfónica ao teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo. O concerto, no que soarán composicións de Mozart e Dvorak, forma parte da Tempada de Abonos de Clásica de Afundación, que programa música clásica durante todo o ano na cidade.
As persoas que non dispoñen de abono con prezo reducido poden asistir ao concerto reservando unha localidade a través de Ataquilla.com. E o mesmo acontece coa Tempada de Abonos de Teatro, que programa en Vigo algúns dos mellores espectáculos teatrais da tempada en España e que o xoves 12 de febreiro ás 20:30 horas presenta en Vigo a obra Yo solo quiero irme a Francia, protagonizada por María Galiana.
Humor e música popular
Completan a programación escénica do mes os monólogos e espectáculos de humor de Pablo Meixe e Pablo Ibarburu, os días 6 e 7 de febreiro, en ambos os casos ás 22:30 e no Auditorio do Teatro Afundación, e o de Aguilera y Meni do día 20.
Na programación musical sobrancean os nomes de Zenet, que o 7 de febreiro presenta en Vigo a súa xira Las manos y la voz, e os dous concertos de Luz Casal dos días 26 e 27 de febreiro. Xa o día 28, o concerto tributo a Sabina de La Banda Sabinera. O seu título é Benditos Malditos.
Hai imaxes dalgúns dos espectáculos nesta ligazón