
O Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba recibe 238 candidaturas de 17 países
O xurado do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba terá que decidir entre un total de 238 candidaturas chegadas de 17 países. Na cuadraxésima sexta edición do galardón, consolídase a atención que reclama tamén entre profesionais do xornalismo e a literatura en lingua española en países diferentes a España. Un 25% das candidaturas proceden de países americanos, incluídos os Estados Unidos. Xa sucedera na edición anterior. O galardón, un dos máis importantes do ámbito hispano-falante por dotación e traxectoria, avanza na súa repercusión internacional.
O xurado do premio, cuxa composición será dada a coñecer nas próximas semanas e que estará integrado por representantes do xornalismo e das letras de España e América Latina, deberá valorar artigos publicados en medios de comunicación de toda América, desde Estados Unidos ao Cono Sur, España e Portugal. Os países dos que proceden máis candidaturas son España (179), Arxentina (15) e Colombia (11).
Tres finalistas
Tres dos 238 artigos recibidos serán seleccionados e proclamados coma finalistas na primeira das dúas reunións do xurado, que se celebrará nas últimas semanas do ano. A comezos de 2026, e xusto antes da gala de entrega, que se celebrará en Madrid, o xurado volverase reunir para decidir cal dos 3 artigos finalistas merece o premio. O galardón é de 10.000 euros. Este ano, como novidade, cada un dos artigos finalistas recibirá 2.000 euros.
Case 50 anos de historia
A persoa elixida na XLVI edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba sumarase á extensa nómina de premiadas e premiados desde 1980: Gonzalo Fernández de la Mora, Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cuadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fuente, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero, Cristina Sánchez Andrade, Luis Pousa, Bibiana Candia, Manuel de Lorenzo Paradela , María Sánchez e Alberto Olmos, gañador da pasada edición.
JULIO CAMBA
Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884 – Madrid, 1962) pertence á estirpe dos grandes escritores que desenvolveron boa parte da súa actividade nos xornais, do mesmo xeito que Wenceslao Fernández Flórez, Josep Pla, Azorín, Álvaro Cunqueiro, Max Aub, Corpus Barga…
Personaxe de biografía viaxeira, correspondente en distintos países, autor de espírito libre e talante liberal, a súa obra foi recollida en diversos volumes e é estudada tanto nas facultades de Literatura como de Xornalismo. Os seus escritos caracterízanse pola imaxinación e o humor, a capacidade de observación e un espírito crítico, literario, que captura ao lector con intelixencia e extraordinaria eficacia, valores que se procuran mediante a convocatoria deste premio.
Imaxes da máis recente gala de entrega do premio en xaneiro de 2025, nesta ligazón