O grupo de teatro do Espazo +60 Afundación de Pontevedra sae a escena con 'Mi suegra se ha perdido'
A Sede Afundación Pontevedra (Augusto González Besada, 2) acollerá mañá martes 2 de decembro, ás 19.00 h, a nova proposta escénica dinamizada desde o Espazo +60 Afundación de Pontevedra. O seu grupo de teatro, dirixido pola voluntaria Margarita García, porá en escena nesta ocasión Mi suegra se ha perdido, de Raimundo Francés. A obra narra as peripecias dunha familia que, estando de paseo por Madrid, sofre a desaparición da sogra. Posteriormente aparece, revelando o misterio do seu paradoiro.
Esta agrupación, integrada actualmente por un total de 19 actrices e actores, formouse no ano 2001 e desde entón realizou innumerables actuacións. A directora é Margarita García, na proposta que representarán mañá, o elenco estará conformado por Mª Carmen Gómez, Onofre Piñeiro, Eduardo Rego, Rita Rivas e Margarita Gómez.
Esta actividade enmárcase na iniciativa solidaria «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que anima ao público visitante a achegar alimentos non perecedoiros a modo de entrada solidaria, que serán destinados ao banco de alimentos local.