O Espazo +60 Afundación de Betanzos entrega a recadación da súa tenda solidaria á Cruz Vermella de Betanzos
O Espazo +60 Afundación de Betanzos entregou onte á tarde un cheque solidario á Cruz Vermella da localidade coa recadación obtida na súa tenda solidaria. O total ascende a 1.600 €, cantidade que foi posible recadar grazas á venda de produtos de artesanía realizados por socias voluntarias do Espazo +60 que participan durante todo o ano no taller solidario. No acto de entrega estiveron o presidente de Cruz Vermella Betanzos, Víctor Méndez; a coordinadora do Espazo +60 Afundación de Betanzos, Teresa Alonso; a coordinadora voluntaria do taller solidario, Pilar Lamas; e as socias voluntarias participantes.
En Betanzos o taller creouse no ano 2021 a iniciativa de Pilar Lamas tras a súa xubilación como coordinadora deste Espazo +60. Cada tarde de martes, 12 persoas voluntarias de entre 52 e 77 anos comparten coñecementos e aprendizaxes no programa «O valor da experiencia», que se desenvolve no Espazo +60 de Afundación na localidade brigantina. Pilar Lamas, agora como monitora voluntaria, ensínalles a crear obxectos ou bonecos con la a partir da técnica do amigurumi, orixinaria de Xapón e que emprega o croché e o ganchillo. E no mes de decembro promoven unha tenda solidaria na que venden o que producen durante todo o ano, tanto en forma de proxectos individuais como colectivos.
PERSOAS MAIORES ACTIVAS
Os talleres e o mercado forman parte do programa «O valor da experiencia», da Obra Social de ABANCA, que ten como obxectivo ofrecer novas oportunidades de participación para aproveitar o talento e a experiencia persoal e profesional das persoas maiores ao servizo da sociedade en diferentes ámbitos. As persoas socias dos Espazos +60 de Afundación poden participar en actividades de voluntariado interxeracional, cultural e educativo, voluntariado social e comunitario e voluntariado ambiental.
150 persoas voluntarias promoven, con Afundación, un total de 5 mercados solidarios en toda Galicia neste mes de decembro nas localidades de Ourense, Betanzos, Pontevedra, Ferrol e Viveiro. En cada unha das tendas venden os produtos que producen artesanalmente todo o ano nos talleres da Obra Social de ABANCA.