O ciclo «Educación S. XXI» de Afundación aborda nunha conferencia mañá a presión estética nas persoas adolescentes
A problemática da dismorfia corporal e o seu impacto na autoestima e o benestar durante a adolescencia é o tema central da conferencia que o presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, Francisco Martelo Villar, impartirá mañá no Auditorio da Sede de Afundación na Coruña. A actividade forma parte do ciclo «Educación S. XXI», unha iniciativa que Afundación desenvolve desde 2016 e está orientada a reflexionar sobre o labor e os retos que se atopan o estudantado, as familias, e o persoal docente na educación actual. A asistencia á conferencia e posterior coloquio escolar con Francisco Martelo será ás 11.00 h, mentres que a de público adulto terá lugar ás 19.00 h. As entradas, sen custo, pódense retirar en Ataquilla.com.
Doutor en Medicina e recoñecido divulgador científico, Martelo, nado en Redondela en 1945, é cirurxián plástico e traballou en hospitais do Reino Unido, Murcia e Galicia. Na súa carreira, tamén colaborou con diferentes sociedades médicas e gobernos, autonómicos ou centrais, en cuestións relacionadas coa cirurxía plástica.
Insatisfacción corporal
O 30 de outubro, durante a súa conferencia no Auditorio da Sede de Afundación na Coruña, Martelo Villar abordará o complexo mundo das presións relacionadas coa imaxe en adolescentes.
A insatisfacción corporal supón a presenza de xuízos valorativos sobre o corpo, de carácter negativo, que de acordo aos estudos máis mencionados sobre a materia están moi relacionados en moitos casos con cadros de depresión e ansiedade.
Cultura por alimentos
As actividades do ciclo «Educación S.XXI» forman parte do programa «Cultura por Alimentos», desenvolto por Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), que convida os asistentes a entregar produtos non perecedoiros a modo de entrada solidaria. Na sede de Afundación hai instalados contedores para a recolección das doazóns que o Banco de alimentos Rías Altas distribuirá na Coruña e a súa área de influencia.