O Ballet de Kiev, Chévere Teatro e Ara Malikian, na programación de febreiro do Auditorio da Sede de Afundación
Este mércores, día 4, ás 20:30 horas, o Ballet de Kiev presentarase no escenario do Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra para volver contar, dende a linguaxe da danza clásica, a historia da Bela durminte. Será o primeiro dos espectáculos programados pola Obra Social de ABANCA na cidade no mes de febreiro. A compañía Chévere Teatro, que representará en Pontevedra Ictus (Anatomía de «A derradeira leición» do Dr. Castelao), e o violinista Ara Malikian, inmerso na súa xira Intruso World Tour completan as propostas. As entradas poden conseguirse en Ataquilla.com.
Con libreto de Charles Perrault e música de Tchaikovsky, A bela durminte é unha das pezas máis representadas do repertorio tradicional dos ballets do leste de Europa. O Ballet de Kiev dedica unha parte da recadación que obtén nas súas funcións a UNICEF para apoiar o traballo que fai na emerxencia creada en Ucraína pola invasión rusa.
Chévere Teatro
«Un dispositivo documental». Esa é a expresión que empregan dende Chévere Teatro para se referir á súa nova produción: Ictus (Anatomía de «A derradeira leición» do Dr. Castelao). A obra chega ao Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra o 27 de febreiro para inaugurar a súa xira. E para inaugurar, tamén, a Tempada de Abonos de teatro da Obra Social de ABANCA na cidade.
Tan só unha semana despois da estrea do espectáculo en Santiago de Compostela, Chévere Teatro poñerá sobre o escenario principal de Afundación en Pontevedra unha obra que emprega como fío condutor o cadro de Castelao A derradeira leición do mestre. Na obra, Chévere propón unha viaxe inversa á procura da memoria do cadro, desde o acto de recepción que lle organiza o Goberno galego cando chega por primeira vez a Galicia no 2018 para protagonizar unha exposición sobre a educación, ata o acto en memoria de Alexandre Bóveda no que se presenta en público por primeira vez no Centro Ourensán de Bos Aires (Arxentina) o 17 de agosto de 1945, noveno cabodano do fusilamento de Bóveda polos militares golpistas, declarado Día dos Mártires de Galicia pola colectividade galega desterrada. Chévere Teatro formula unha viaxe escénica para entender como se constrúen as narrativas da memoria.
A Tempada de abonos de teatro de Afundación na cidade, que presenta cinco espectáculos no primeiro semestre en Pontevedra, continúa o 13 de marzo con La música, protagonizada por Ana Duato e Grandinetti baixo a dirección de Magüi Mira e con texto de Marguerite Duras. Completan as propostas da Tempada de abono Mejor no decirlo, con Imanol Arias e María Barranco -17 de abril-, Querida Agatha Christie -8 de maio-, e a obra Inmaduros, cun elenco liderado por Carlos Sobera e que se representará o día 12 de xuño. As persoas que non dispoñen de abonos a prezos reducidos poden conseguir as súas localidades para asistir ás obras en Ataquilla.com.
Ara Malikian
A programación de febreiro do Auditorio da Sede de Afundación complétaa Ara Malikian, en concerto. O violinista chega a Pontevedra para presentar a súa xira «Intruso». Nesta serie de concertos, Malikian propón, segundo explican dende o entorno do músico, «unha viaxe moi persoal que parte da angustia de non encaixar en ningún lugar para por fin abrazar a riqueza da súa identidade multicultural e atopar o seu fogar no mundo enteiro a través da arte e a música».
Di Malikian: «No Líbano non me consideraban suficiente libanés porque era de orixe armenia, os armenios non me consideraban suficiente armenio porque nacera en Líbano; cando me establecín en Europa non me consideraban europeo porque non nacera en Europa». Esa «condición de intruso», asegura, brindoulle «a oportunidade de explorar e gozar de músicas e culturas fascinantes, alleas á miña propia tradición, achegando a miña propia voz, a miña experiencia multicultural». Esa experiencia será o fío condutor do seu concerto na cidade.
A programación do Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra no mes de marzo ofrecerá 8 espectáculos. Son unha parte das 18 propostas previstas, ata a data, no primeiro semestre do ano.
Hai imaxes dalgúns dos espectáculos nesta ligazón