«Educación Século XXI» aborda en Afundación aa IA como ferramenta de apoio da saúde mental en adolescentes
Como protexemos os datos máis íntimos dos menores mentres as máquinas aprenden dos seus patróns mentais? Quen é responsable se a intelixencia artificial fomenta condutas non apropiadas? Son algunhas das preguntas ás que lles dará resposta na Sede de Afundación o investigador e profesor Pere Castellví durante a conferencia coa que inaugura, o xoves 26 de febreiro, as actividades do ciclo «Educación Século XXI» no primeiro semestre do ano. O título da presentación de Castellví é «IA e Saúde Mental: Aliada ou ameaza para a adolescencia?». A asistencia é de balde previo rexistro en Ataquilla.com.
O ciclo «Educación Século XXI» propón no primeiro semestre do ano tres actividades relacionadas cos retos que supón a irrupción da IA en relación cos menores. A súa utilidade, e os seus riscos, como ferramenta educativa, e os retos que formula coma fenómeno social serán os temas aos que se lles dedicarán as conferencias.
Con esta actividade, que a Obra Social de ABANCA organiza dende 2016, Afundación xera un punto de encontro para a reflexión e a divulgación de coñecemento para a comunidade escolar. Presentacións coma a de Castellví realízanse en dobre sesión. Unha matinal só para centros educativos, e á que asisten alumnado e profesores e outra para o público xeral. No caso da actividade con Pere Castellví, o encontro coa comunidade escolar será o día 26 ás 11:00. Xa ás 19 horas celebrarase a conferencia aberta ao público.
Sobre Pere Castellví
Pere Castellví Obiols é profesor agregado do Departamento de Psicoloxía Clínica e da Saúde da Universitat Autònoma de Barcelona, doutor en Psicoloxía e máster en psicopatoloxía e en saúde pública. Investiga na promoción do benestar mental e a prevención do suicidio en mozos. E nos últimos anos especializouse na aplicación e nas repercusións da intelixencia artificial na saúde mental desde un punto de vista ético.
Na súa conferencia, abordará as transformacións que a intelixencia artificial está a xerar a forma na que entendemos e tratamos a saúde mental, tamén en adolescentes.
As novas ferramentas tecnolóxicas permiten realizar diagnósticos máis precisos ou tratamentos personalizados, por exemplo. Pero canda estas promesas emerxen desafíos éticos fundamentais que nos afectan a toda a sociedade.
Castellví referirase a interrogantes coma os vencellos de dependencia que se poden chegar a establecer coas máquinas na adolescencia, ou as posibles responsabilidades do fomento nas persoas, especialmente nas máis novas, por parte de tecnoloxías dotadas de intelixencia, de condutas non apropiadas. Tamén convidará ao público a reflexionar, Pere Castellví, sobre como deseñar unha IA que respecte a dignidade, a privacidade, e a autonomía das persoas.
Máis conferencias
A IA coma recurso para a aprendizaxe, por unha banda, e o seu impacto como fenómeno social, pola outra, serán os seguintes temas que abordará o ciclo «Educación Século XXI» neste semestre en senllas conferencias.
O 17 de marzo, en Vigo, o profesor e experto Francisco Bellas falará co público e a comunidade escolar sobre a aplicación da IA nos procesos educativos. O título da súa conferencia é: «Intelixencia Artificial en educación? Si, pero con cabeza: aprender a usala sen perder o control».
Xa o 22 de abril, a Sede de Afundación na Coruña acollerá a presentación «Instrucións para ser humano». E esas instrucións estarán impartidas por Iaia Visenta, un avatar dotado de intelixencia artificial, que representa a unha muller de idade avanzada e que acumula millóns de seguidores en redes sociais.
As conferencias deste ciclo poden seguirse en directo, ou visionarse baixo demanda, en Afundacion.tv.
Cultura por alimentos
As actividades do ciclo «Educación S.XXI» forman parte do programa «Cultura por Alimentos», desenvolto por Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), que recolle doazóns para apoiar ás familias que precisan axuda. Na sede de Afundación hai contedores para a recolección das doazóns. Os asistentes poderán depositar alí alimentos non perecedoiros. FESBAL encargarase da distribución na Coruña e a súa área de influencia.
Hai unha imaxe de Pere Castellví na carpeta á que leva esta ligazón