DeseXo, o teatro como ferramenta de educación sexual, a nova proposta de Afundación na súa programación de teatro para escolares
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o vindeiro luns 27 de outubro, ás 11.00 h, no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra, unha nova proposta escénica dentro da súa programación de actividades para escolares, DeseXo, de Talía Teatro, dirixida a público de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato. Asistirán 650 estudantes procedentes de 11 centros educativos de Pontevedra e localidades derredor.
Como foi a nosa educación sexual? Estamos realmente preparados para vivir unha sexualidade sa? Sabemos relacionarnos desde o respecto e a empatía? E, sobre todo, somos quen de educar as futuras xeracións? Onde aprendemos o que sabemos sobre sexo? Na pornografía? Nas redes sociais? E que impacto ten iso na maneira en que desexamos, nos relacionamos ou nos entendemos? Observemos o que nos rodea: as cancións que escoitamos, os anuncios que vemos, os contidos que consumimos. Vivimos na era do desexo, na sociedade máis sexualizada da historia, e aínda así, o sexo segue a ser un tema cheo de silencios, prexuízos e tabús.
Despois do espectáculo, o director do espectáculo, Diego Rey; os intérpretes, Marta Ríos e Dani Trillo; unha sexóloga profesional, Bárbara Penas; e o público atoparanse para debullar o visto, escoitarse e falar sen tabús. Un convite a seguir pensando e aprendendo xuntos.
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas. A programación está deseñada para promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.