Últimas sesións das Xornadas «A Cociña Gráfica» dedicadas aos novos formatos de impresión téxtil e gravado
04.02.2016 O Colegio Hogar da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) celebra mañá, a partir das 11.00 h., as súas últimas sesións das III Xornadas «A Cociña Gráfica», organizadas polo departamento de artes gráficas do centro. Inauguradas o pasado día 3, participaron nelas importantes empresas da contorna e profesionais do ámbito da impresión e a comunicación gráfica co obxectivo común de achegar aos alumnos e alumnas do centro e aos profesionais do sector as últimas tecnoloxías, materiais e maquinaria de artes gráficas.
As actividades propostas para estas III Xornadas inclúen demostracións prácticas, charlas técnicas, conferencias e workshops sobre catro eixos principais: a impresión UV, 3D, fresado e láser; rotulación e materiais de gran formato; téxtil e transferencia térmica; e sublimación e soft signage. Así, mañá tocaralle a quenda á evolución da impresión dixital téxtil e como o seu uso está a revolucionar o sector da moda e á impresión e corte en gran formato. Ao finalizar os relatorios, os alumnos do Colegio Hogar exporán os seus traballos.
O COLEGIO HOGAR AFUNDACIÓN
O CPR Colegio Hogar Afundación, emprazado na rúa Filipinas 6, en Vigo, é un centro de referencia na formación de profesionais e na súa inserción laboral. Oferta ciclos formativos de grao medio, preimpresión dixital, impresión gráfica, soldadura e caldeirería, mecanizado, instalacións eléctricas e automáticas, e instalacións de telecomunicación, e de grao superior, programación da produción en fabricación mecánica, automatización e robótica industrial e mantemento electrónico. O Colegio Hogar tamén ofrece cursos formativos a demanda para traballadores de empresas en activo, coa finalidade de manter actualizados os seus coñecementos profesionais específicos.
Actualmente, o centro é un modelo na formación profesional e na inserción laboral dos máis novos e referente para as empresas ás que dirixe cualificados profesionais. O obxectivo prioritario do equipo do centro é, coa súa programación anual e con iniciativas como estas xornadas ou a súa Semana Técnica, achegar recursos adecuados para incrementar progresivamente as porcentaxes de inserción laboral do seu alumnado.
Coñécenos por dentro en www.afundacion.org.
Podes seguirnos en Facebook, Twitter, Linkedin e Youtube.