Aprender educación financeira de maneira divertida, a proposta para este verán no marco da súa mostra interactiva Ítaca
Afundación, a Obra Social de ABANCA, propón un campamento de verán diferente no marco da súa exposición interactiva «Ítaca. Unha viaxe pola educación financeira», que se pode visitar actualmente no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela (pr. de Cervantes). Trátase dun campamento coa educación financeira como protagonista, no que nenos e nenas de entre 7 e 12 anos poderán aprender conceptos sobre economía ou matemáticas a través de xogos, retos e actividades.
A propia exposición «Ítaca. Unha viaxe pola educación financeira» serve de punto de partida. En cada xornada, os participantes gozarán dun xogo financeiro para descubrir como aplicar as matemáticas na vida real, e dun obradoiro creativo no que construirán un ábaco, un xogo de mesa ou un robot tragamoedas para fomentar o aforro.
Organizáronse catro quendas, do 22 ao 26 de xuño, do 30 de xuño ao 3 de xullo, do 7 ao 10 de xullo e do 14 ao 17 do mesmo mes. As reservas pódense formalizar na web Ataquilla.com.