
As actividades de aprendizaxe e saúde son as preferidas en Galicia polas persoas +60 para mantérense activas e saudables
Ioga, pilates, mindfulness, o estudo de idiomas, arte ou literatura, e en xeral o relacionado coa aprendizaxe, a saúde e o benestar, lideran as preferencias das persoas maiores cando planean actividades relacionadas co envellecemento activo. Así se deduce a partir as opcións elixidas polas máis de 13.108 persoas socias dos Espazos +60 de Afundación en toda Galicia no primeiro semestre do ano. O 76% dos participantes sumouse a actividades relacionadas con saúde, benestar ou aprendizaxe. Entre xaneiro e xuño, as persoas vinculadas aos Espazos +60 dedicaron máis de 14.000 horas a participar en actividades formativas.
A Obra Social de ABANCA conta cunha asentada rede de 11 Espazos +60 noutras tantas cidades e pobos de toda Galicia. Ademais, desenvolve proxectos en lugares nos que non dispón de sede propia en colaboración coas administracións locais. A través da súa Área de Maiores, Afundación dinamiza programas de acompañamento ofrecendo propostas e oportunidades para a mellora da calidade de vida e benestar a través de actividades en grupo.
Relacións e benestar
As persoas socias dos Espazos +60 tamén participan noutras formativas relacionadas coa expresión artística, como teatro ou pintura, ou adquisición de competencias dixitais, por exemplo. Tamén na adquisición de competencias emocionais a través do programa «Coñecendo as emocións», que alcanza o seu cuarto ano de funcionamento e cuxo programa e contidos foron elaborados por un equipo especializado en colaboración con persoas maiores de 60 anos.
Cando se lles consulta que é o que máis valoran de participar nestes proxectos, o 35% refírese ao establecemento de relacións sociais e aos beneficios que percibiron na súa saúde física e cognitiva e o benestar emocional.
Diferentes actividades
Alén dos proxectos de formación ou os relacionados coa expresión artística, as persoas socias dos Espazos +60 tamén optan por sumarse a proxectos de voluntariado ou de alcance interxeracional.
Entre eles está o programa «Fálame dá emigración», polo que persoas comparten con escolares as súas experiencias na súa vida no estranxeiro e reflexionan acerca das motivacións para emigrar, as dificultades, as aprendizaxes. No primeiro semestre deste 2025 no que «Fálame dá emigración» alcanza a súa novena edición, chegou ás aulas de 18 centros educativos en 15 localidades. Participaron 49 persoas maiores voluntarias dos Espazos +60 e 722 estudantes de secundaria.
A solidariedade interxeracional tamén é o eixo doutros programas nos que as persoas +60 realizan actividades da man de grupos de persoas de diferentes idades. É o caso de programas como «Voces conectadas», no que 45 voluntarias e voluntarios vinculadas aos programas de Afundación para maiores mantiveron 8 encontros interxeracionais con estudantes de toda Galicia.
Voluntariado
Ademais, un total de 401 participantes sumáronse a proxectos de voluntariado +60 a través do programa «O valor da experiencia» da Obra Social de ABANCA. Dedicaron un total de 7.248 horas entre xaneiro e xuño a actividades de voluntariado. Entre elas, algunhas que serviron para recadar fondos para diferentes ONGs ou para participar en actividades de limpeza en contornas de alto valor ambiental.