
Ataquilla, que destina a totalidade dos seus beneficios a apoiar proxectos sociais, incrementa un 30 % a súa facturación
En 2024, Ataquilla.com comercializou unha media de 30 eventos por día. A oferta cultural á que se accede a través da plataforma de distribución en liña de tíckets de Afundación, o número total de eventos, mantense este ano en niveis semellantes. Pero hai unha tendencia á alza na xestión de eventos multitudinarios: concertos de artistas tan populares coma Joaquín Sabina, Maná e Alanis Morissette, ou grandes espectáculos coma os do Cirque du Soleil, celébranse con cada vez máis frecuencia en Galicia e elixen Ataquilla.com para distribuír as súas entradas.
A billeteira electrónica desenvolvida e xestionada pola Obra Social de ABANCA, e que destina integramente os seus beneficios a proxectos de carácter social, incrementou a súa facturación nun 30 % no primeiro semestre.
Melloras tecnolóxicas
Detrás da crecente importancia de Ataquilla na comercialización de eventos multitudinarios están as melloras tecnolóxicas e de deseño implementadas na plataforma en liña o pasado ano.
Nese exercicio, no de 2024, no que o equipo de Ataquilla xestionou 900.000 interaccións con persoas interesadas en asistiren a eventos culturais, incorporáronse melloras destinadas a avanzar en deseño, usabilidade, e accesibilidade. E tamén outras dirixidas a incrementar a capacidade en materia de venda simultánea de entradas.
O número de espectáculos e concertos cos que traballa a plataforma de comercialización de billetes mantense estable neste 2025. No primeiro semestre roldaron os 1200. Pero o número de tíckets vendidos, dado o maior tamaño dos eventos xestionados, incrementouse un 15%.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón