Ana Torrent, Gabino Diego e Lola Herrera protagonizarán a Tempada de abonos de teatro de Afundación en Pontevedra
Tres obras teatrais entre cuxos intérpretes están grandes figuras da escena en España coma os de Ana Torrent, Gabino Diego, Natalia Dicenta ou Lola Herrera, conforman a segunda metade da Tempada de abonos de teatro de Afundación en Pontevedra. A primeira das propostas escénicas chegará o 3 de outubro coa versión do clásico dos anos setenta As amargas bágoas de Petra von Kant, que protagoniza Ana Torrent. Xa o 14 de novembro, será a quenda de Pixama para seis, con Gabino Diego liderando o elenco. Camiño á Meca, o espectáculo construído sobre un texto do autor surafricano Athol Fugard co que a Tempada de abonos chegará ao seu fin neste 2025 o 11 de decembro, trata sobre o illamento, a loita interna, e o conflito entre conformarse coas expectativas da sociedade ou seguir os soños propios.
Os abonos que permiten asistir ás funcións, que se celebran na Sede de Afundación en Pontevedra, están á venda en Ataquilla.com. Os beneficios obtidos coa comercialización de entradas para eventos son revertidos na sociedade a través dos programas que desenvolve a Obra Social de ABANCA.
Fassbinder, revisitado
A obra As amargas bágoas de Petra von Kant é unha nova versión dun dos textos teatrais máis importantes de Europa nos últimos anos do século XX. O tamén escritor cineasta Rainer Wener Fassbinder asinou en 1971 o libreto da obra. Un ano despois, levaríao con grande éxito ao cinema. A obra conta a historia dunha deseñadora de modas que, logo de divorciarse, namora dunha modelo coa que colabora. As dinámicas de poder na relación, ou o emprego do diñeiro ou o sexo coma ferramentas de poder, forman parte da trama.
Ana Torrent comparte elenco no espectáculo con Aura Garrido, Maribel Vitar, Julia Monje e María Luisa San José.
Pixama para seis
Xa o 14 de novembro, e tamén en clave de comedia, chega á Sede de Afundación en Pontevedra Pixama para seis, asinada polo dramaturgo francés Mar Camoletti en 1987. Gabino Diego protagoniza o espectáculo, unha historia que xira arredor do amor, dos celos ou da confianza.
Pixama para seis conta o acontecido cando o protagonista da historia, Fernando, aproveita a ausencia da súa parella para convidar a súa amante a pasar unha fin de semana con el. Nada se dará de acordo ao previsto. Completan o elenco Isabel Gaudi, Amaia Vargas, Sabina Praga, Jesús Cisneros.
Camiño á Meca
Camiño á Meca, a obra protagonizada por Lola Herrera, Natalia Dicenta e Carlos Olalla, pechará a tempada o 11 de decembro. Recupera a historia dos anos nos que a escultora surafricana Helen Martins, xa viúva, vive obsesionada con crear un xardín de esculturas orientadas cara á Meca mentres mantén difíciles relacións coa comunidade na que vive, en 1974 e en pleno apartheid.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de abonos de teatro de Afundación en Pontevedra forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos espectáculos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin na Sede de Afundación. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa área de influencia.
Imaxes dos espectáculos nesta ligazón