Ana Duato e Darío Grandinetti chegan o vindeiro venres ao Auditorio da Sede de Afundación
«É a historia dun amor brutal. Decidiron separarse, pero esa separación converte en definitivo o seu amor». Así falaba a actriz Ana Duato sobre a obra de teatro La Música, que protagoniza xunto a Darío Grandinetti e que presentan no Auditorio da Sede de Afundación o vindeiro venres, 13 de marzo, ás 20:30 horas. O espectáculo forma parte da programación da Tempada de Abonos de teatro da Obra Social de ABANCA en Pontevedra. As persoas que non dispoñen de abono pero que queiran asistir poden obter as súas entradas en Ataquilla.com. Quedan moi poucas.
La Música foi escrita en 1965 por Marguerite Duras para televisión. Conta a historia dunha parella que, tempo despois de separarse, volve reunirse nunha cidade para asinar o seu divorcio. Reencontraranse por última vez nun hotel. O que comeza como unha despedida formal convértese nunha autopsia emocional cargada de reproches, desexos residuais e verdades silenciadas durante anos. Falarán, rirán, berrarán e amarán con desesperación esa noite.
Puro teatro
O espectáculo, que foi estreado hai un ano, chega a Pontevedra logo dunha longa xira. Tivo unha estadía nun teatro de Madrid de máis de ano e medio. Diríxeo a actriz, directora e académica Magüi Mira (Valencia, 1944). Figura indispensable da escena española, Mira tamén é amplamente coñecida polos seus traballos en cine e televisión. O mesmo que os dous intérpretes do espectáculo, Ana Duato e Darío Grandinetti, moi populares entre o gran público polos seus traballos para o cinema ou en series televisivas.
La Música é o segundo dos 5 espectáculos propostos no primeiro semestre na Tempada de Abonos de Afundación en Pontevedra. O seguinte, xa o 17 de abril, está protagonizado por outros dous grandes da interpretación. Imanol Arias e María Barranco presentarán Mejor no decirlo, unha obra que tamén versa sobre as relacións de parella, pero esta vez en rexistro de comedia: na trama, os dous integrantes dun matrimonio que fixo do saber cando falar e cando calar o segredo da súa longa duración, pregúntanse que pasaría se pasasen a dicirse todo entre eles, absolutamente todo.
As obras Querida Agatha Christie -8 de maio- e Inmaduros -12 de xuño- completan o programa da Tempada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra neste primeiro semestre.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de Abonos de teatro forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes ás funcións poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores dispostos para tal fin na sede de Afundación. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa área de influencia.
Hai imaxes do espectáculo nesta ligazón