Alba Moledo Ucha, Rexina Vega e Carmen Villar, finalistas do XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Afundación, a Obra Social de ABANCA, deu a coñecer hoxe na Sede Afundación de Pontevedra os artigos finalistas do XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego que, nesta edición, ademais dos 10 000 euros para a gañadora, entregará tamén 2000 euros a cada unha das dúas finalistas. Tras a deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Diego Ameixeiras, fíxose pública a resolución das persoas finalistas desta edición. As persoas finalistas son, xa que logo, Alba Moledo Ucha por «Agromar» publicado en Diario de Pontevedra o 06/06/2024; Rexina Vega, por «Aínda aprendo», en Tempos Novos, o 01/01/2024; e Carmen Villar, por «A terra que nos ata ao mundo» en Faro de Vigo, o 19/05/2024.
Na rolda de prensa de hoxe, Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación, subliñou «tanto a ardua tarefa de selección por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados, como o papel esencial que o xornalismo desempeña e que require grandes esforzos e se nos revela imprescindible». Fina Casalderrey, vogal decana do xurado, pola súa banda, quixo «agradecer a Afundación o mantemento deste premio, ao tempo que felicito a todas as persoas que enviaron o seu artigo, porque é un acto de xenerosidade e de humildade. Os temas foron variados, de índole intimista, feminista, de análise política, de identidade, de saúde física e mental e de reivindicación, e sempre cunha calidade tan elevada que nos levou a apaixonados debates na deliberación».
Todo o material desta rolda de prensa, xunto aos artigos finalistas, está dispoñible aquí.
Un total de 22 artigos optaban á XXII edición do Premio Fernández del Riego. Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autoría que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega.
O premio está dotado con 10 000 euros para a autora do artigo gañador e, como novidade este ano, cada unha das finalistas recibirá 2000 euros. Entre o histórico de persoas premiadas podemos sinalar nomes tan importantes como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Francisco Castro, Mar Mato ou Diego Ameixeiras, gañador da última edición.