Afundación e Tierra de Hombres presentan na Coruña a V exposición colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa á vida»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Fundación Terra de Homes presentan na Sede Afundación da Coruña a V Exposición Colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa á vida». Un ano máis, Afundación colabora con este proxecto expositivo colectivo no que participan coas súas obras 56 debuxantes, pintores e escultores galegos para recadar fondos en beneficio do programa «Viaxe cara á vida» organizado pola ONG. As obras poderanse adquirir a un prezo único de 150€, importe que será integramente doado ao proxecto de Terra de Homes.
A inauguración da mostra será mañá venres, 8 de maio, ao 19.00 h, na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), onde se poderá visitar ata o próximo 30 de maio, de luns a sábado en horario de 17.30 a 20.30 h.
O PROGRAMA «VIAXE CARA Á VIDA»
«Viaxe cara á vida» é un programa sanitario promovido pola Fundación Terra de Homes, que facilita desde 1995 o traslado a España de nenas e nenos procedentes de países africanos cun baixo índice de desenvolvemento, entre eles Togo, Benín, Mauritania, Senegal, Marrocos e Guinea Conakry, para ser intervidos de diferentes e graves patoloxías que non poden ser atendidas nos seus lugares de orixe por falta de recursos e infraestruturas sanitarias adecuadas. Durante este período foron operados máis de 880 nenos e nenas, 134 deles en Galicia, de cardiopatías, queimaduras ou problemas traumatolóxicos e maxilofaciales. No proxecto en Galicia colaboran de forma altruísta o Hospital Materno Infantil da Coruña, o Hospital Clínico de Santiago, e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, equipos médicos, voluntariado e familias de acollida.