Afundación e a Xunta achegan á Coruña unha mirada máis ampla da arte contemporánea galega con «Outras historias posibles»
O presidente de Afundación, a Obra Social de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inauguraron hoxe a exposición «Outras historias posibles» na sede de Afundación na Coruña. A mostra, comisariada por Susana Cendán, promove unha mirada máis diversa sobre a arte contemporánea galega a través das traxectorias de seis destacadas creadoras: Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 30 de maio, de luns a venres de de 17.30 a 20.30 h, e os sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Durante a inauguración, o presidente de Afundación sinalou como esta mostra é tamén unha «evocación do longo e vasto camiño de obstáculos que a muller transitou ao longo de toda a historia da arte e pon de relevo, de maneira meridiana, como a historia é o resultado da tensión entre aquilo que conservamos ao longo dos séculos e todo aquilo que calamos, silenciamos ou reprimimos como sociedade. Tan importante e definitorio é o que relatamos como o que falta por contar. Xa nolo fixo saber Virginia Woolf no seu ensaio de 1929, Un cuarto propio, cando escribiu, cunha delicada ironía, que “Durante a meirande parte da historia, Anónimo era unha muller”».
O titular de Cultura da Xunta de Galicia, pola súa banda, incidiu na relevancia dunha exposición que «procura enriquecer o relato da nosa historia da arte outorgando unha maior visibilidade a creadoras galegas ou conectadas a Galicia» e destacou a importancia de «construír discursos integradores que dirixan a ollada cara ao talento de mulleres como as protagonistas deste proxecto».
A mostra pon o foco en Ana García Pan (A Coruña, 1961), Emilia Guimeráns (Vigo, 1958), Anne Heyvaert (nada en Memphis en 1956, que desde 1994 reside en Oleiros), Tusi Sandoval (Pontevedra, 1954), Blanca Silva (A Coruña, 1951) e Laura Terré (Vigo, 1959). Todas elas son artistas que, por méritos propios de dedicación e talento, despuntaron especialmente na década dos anos 80 do pasado século e que nesta mostra tecen un relato que complementa e enriquece unha narrativa hexemonicamente masculina da nosa historia da arte. Nesta liña, «Outras historias posibles» recolle máis de 50 pezas e 40 documentos entre os que se atopan pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha das artistas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente.
Na exposición inclúese tamén material audiovisual en forma de entrevistas a catro das artistas presentes na mostra, relatos que constitúen unha ollada máis persoal e un complemento de indiscutible valor para entender e ampliar coñecemento sobre cada unha delas.