Afundación propón descubrir a comicidade agochada na natureza na súa nova exposición en Pontevedra
A comicidade agochada na natureza chega ao Café Moderno Afundación de Pontevedra contada a través das fotografías que compoñen a exposición «COMEDY WILDLIFE. Premios de fotografía». Todas as imaxes que a compoñen resultaron distinguidas entre 2015 e 2024 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor polo galardón The Comedy Wildlife Photography Awards.
A exposición, que é unha produción de Afundación e está organizada en colaboración con Terra Espléndida, foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, e Alberto Blanco, da Área Educativa de Afundación. Estará aberta ao público ata o vindeiro 7 de febreiro, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h, e os sábados, de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h. Ademais, realizaranse visitas guiadas de balde para público xeral os xoves 6 de novembro, 4 de decembro, 8 de xaneiro e 6 de febreiro ás 19.00 h. Xa se pode reservar praza en Ataquilla.com.
«COMEDY WILDLIFE. Premios de fotografía» chega ao Café Moderno Afundación de Pontevedra tras encher nos últimos dous anos museos e centros de exposicións de Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá, atraer a máis de 15 000 visitantes no Teatro Afundación de Vigo e recibir a visita de preto de 55 000 persoas no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid.
Sobre a base do seu compromiso coa implicación social e o coidado do medio ambiente, a Obra Social de ABANCA presenta esta nova proposta expositiva no marco dunha programación variada, dinámica e innovadora para todos os públicos e de amplo alcance xeográfico. Así, ademais de realizar accións directas de voluntariado ambiental como o programa PLANCTON, Afundación recibe cada ano máis de 8000 visitantes en Naturnova, o Centro de Educación Medioambiental de Vigo. A través destas, e outras propostas, o obxectivo é promover na sociedade maneiras de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras.
A exposición «COMEDY WILDLIFE. Premios de fotografía»
Nos últimos tempos, a fraxilidade dos nosos ecosistemas e das súas especies esperta unha crecente preocupación medio ambiental que xera multitude de reaccións, e tamén unha ineludible onda de mensaxes derrotistas. Decote resultan contraproducentes ao provocar unha clara reacción de rexeitamento ou evasiva, que busca minimizar esa angustia, denominada ecoansiedade, que produce enfrontarse a un asunto de tales dimensións. «COMEDY WILDLIFE. Premios de fotografía» é unha exposición que cativa a toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como un xeito efectivo de involucrar ao público co encanto do reino animal. Así, as 70 instantáneas seleccionadas que se presentan en Ourense amosan, nas posicións e momentos máis divertidos, animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns ou píllaras.
Asegura o cofundador dos premios «The Comedy Wildlife», o fotógrafo especializado en natureza Paul Joynson-Hicks, que «as cuestións de conservación e sostibilidade da vida silvestre están gañando impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes». E por iso se animou, xunto cos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood, a crear estes galardóns. Desde 2015 premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo extraordinariamente fermoso e interconectado».
«Unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión, ou tabús que deban ser negociados. A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo que está ben documentado como un dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente aos animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles como concidadáns do mesmo planeta», subliña Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.
Actividades didácticas
Para facer máis accesible esta exposición e os seus contidos á comunidade escolar, Afundación deseñou un amplo programa de actividades educativas e obradoiros adaptados ás diferentes idades, desde educación infantil ata Bacharelato e Ciclos Formativos.
«COMEDY WILDLIFE. Premios de fotografía» forma parte así mesmo do programa «Cultura por alimentos» de Afundación. Os visitantes poderán levar alimentos non perecedoiros e depositalos na propia sala de exposicións para a súa distribución aos bancos de alimentos locais a través da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).