Afundación programa 14 espectáculos en Pontevedra antes da fin de ano
A programación de espectáculos do auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra para o resto do ano comeza con humor e solidariedade e despídese con maxia. Ademais, inclúe un espectáculo de ballet, catro obras teatrais, e concertos como o de Tamara, que o próximo 4 de outubro fará un repaso a toda a súa carreira nun concerto íntimo para piano e voz. A comedia chegará cos monólogos de actores como Miguel Lago, Ernesto Sevilla e Dani Mateo. A Obra Social de ABANCA en Pontevedra programa 14 espectáculos entre os meses de setembro e decembro. As entradas xa están á venda en Ataquilla.com.
Cada 6 días, un espectáculo. E ademais, a música clásica da Tempada de Abonos. Así será o outono-inverno deste ano na Sede de Afundación de Pontevedra.
Para inaugurar a programación, un evento solidario. O 26 de setembro, o humorista David Cepo preséntase na Sede de Afundación para protagonizar: a Gala Benéfica do Día Mundial do Alzheimer, organizada pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias da Provincia de Pontevedra (Afapo).
Humor, ballet, teatro, música e maxia
Os monólogos volverán o 24 de outubro e o 1 de novembro cos shows de Miguel Lago, que presenta Lago Comedy Club, e Ernesto Sevilla, con Eu, literal. Dani Mateo chegará a Pontevedra o 29 de novembro co seu espectáculo ¿Por que no te callas?
En outubro comeza tamén a Tempada de Abonos de teatro, que inclúe As amargas bágoas de Petra von Kant (o 3 de outubro), Pixama para seis (14 de novembro), e a adaptación da obra surafricana Camiño á Meca, protagonizada por Lola Herrera e Natalia Dicenta. Será o 11 de decembro.
Ademais, completan a proposta de artes escénicas a presentación O Lago dos Cisnes a cargo do Ballet de Kiev o 16 de outubro e a representación o 22 de novembro da adaptación do clásico teatral nórdico de 1888 A Señorita Xulia, de August Srindberg protaginzada por Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, quen ademais dirixe o espectáculo.
A Gran Gala Internacional de Maxia «Galicia Ilusiona», que se celebra o 10 de outubro; a actuación do Shado «o mago Cleptómano», o 21 de novembro e o IX Galicia Magic Fest, que se celebra o 21 de decembro con dobre sesión, conforman a programación de espectáculos de ilusionismo. Na de música clásica, que se difundirá nos próximos días, xa hai unha cita: o 7 de novembro, o auditorio da Sede de Afundación na cidade acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia organizado en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Pontevedra.
«Cultura por alimentos»
Algúns dos eventos que se programan na Sede de Afundación en Pontevedra, como as funcións incluídas na Tempada de Abono de teatro forman parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas que asisten aos espectáculos poden colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin na Sede de Afundación. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa área de influencia.
Hai imaxes algúns dos espectáculos nesta ligazón