Afundación organiza un completo programa de obradoiros artísticos, de STEAM e ambientais para a rapazada
Afundación organizou unha completa programación de obradoiros de Nadal sobre as súas mostras que, dirixidos a nenas e nenos de entre 4 e 10 anos, combinan a aproximación ás artes plásticas coa aplicación nos obradoiros de coñecementos de STEAM e con propostas artesanais, xa que se asentan en cada unha das exposicións que están actualmente en curso nas sedes da Obra Social ABANCA. Levaranse a cabo os días 23 e 30 de decembro de 11.30 a 13.00 h.
Por outra banda, Naturnova, o Centro de Educación Ambiental de Afundación en Vigo, e tamén con todas as súas prazas xa esgotadas, preparou un obradoiro sobre insectos para os días 23, 26, 30 de decembro e 2 de xaneiro de 11.00 a 13.00 h, no marco do programa solidario «Cultura por alimentos». Ademais, a entrada para público xeral será os sábados 27 de decembro e 3 de xaneiro de 17.30 a 20.30 h.
OBRADOIROS DE ARTE E STEAM DE NADAL EN AFUNDACIÓN
Na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), no marco da mostra «Compromiso coa arte. Coleccións Bancaja e ABANCA», as nenas e nenos percorrerán as diferentes tendencias que, no transcurso do século XX deron forma á multiplicidade de xeitos de crear pezas artísticas.
En Santiago de Compostela as nenas e nenos poderán aprender sobre o cómic e as innovacións nas técnicas do debuxo que, desde Goya ata a actualidade podemos rastrexar nas obras de «Goya-Hellboy, unha iconografía de monstros de Stéphane Levallois».
No Café Moderno Afundación de Pontevedra (Praza de San Xosé, 3) abordarán cuestións vinculadas coa exposición «Comedy Wildlife», na que natureza, sostibilidade e respecto polo medio ambiente conforman o cerne da mostra.
Na Sede Afundación de Lugo (praza Maior, 16) as nenas e nenos de entre 4 e 10 anos poderán gozar da proposta baseada na exposición «Nicolás Muller», na que viaxarán ao pasado para aprender sobre os cambios acaecidos na súa milenaria cidade ao longo das últimas sete décadas.
Finalmente, para a sede de Vigo deseñouse a didáctica de Nadal arredor da atractiva proposta «Diversa», onde a cor, a innovación e a creatividade desbordada será o alicerce para un obradoiro ateigado de imaxinación.