Afundación lanza «Igualdade Dixital»
As persoas maiores empregan cada vez máis a miúdo, e cada vez con máis competencias, as tecnoloxías dixitais. Pero mesmo na franxa de idade de persoas con maiores competencias segue habendo unha importante brecha, en uso e coñecementos, con respecto ás xeracións posteriores: segundo o INE, unicamente o 13% das persoas de 65 a 74 anos teñen habilidades avanzadas fronte ao 53% de 25 a 34 anos. E iso inflúe, por exemplo, na capacidade de pedir unha cita no centro de saúde empregando só medios telemáticos. Ou de acceder a contidos de entretemento, participar nas redes sociais ou sentir seguridade ante posibles fraudes. Afundación dá un paso adiante na súa estratexia, tras máis dunha década enfocada na redución da brecha de acceso aos servizos dixitais por parte das persoas maiores, co lanzamento do proxecto «Igualdade Dixital» cun enfoque máis centrado no desenvolvemento de actividades formativas para mellorar as competencias dixitais.
«Igualdade Dixital» constrúese ao redor dunha plataforma web para a formación no uso de móbiles e as súas aplicacións. Está pensada tanto para a autoformación como para servir de apoio a proxectos formativos, e para o seu uso por formadores ou mentores dixitais. A web de «Igualdade Dixital» ofrece talleres interactivos, guías descargables, vídeos formativos, exercicios prácticos… Abordan temáticas clave como a ciberseguridade, a xestión da identidade dixital e o manexo de ferramentas administrativas básicas. A plataforma, que se pode usar gratuitamente previo rexistro, facilita unha aprendizaxe autónoma e intuitiva, con seguimento dos avances e un test de competencias iniciais para orientar no itinerario. Pero tamén pode ser empregada como recurso didáctico para actividades formativas presenciais de persoas que necesiten ou prefiran unha aprendizaxe guiada. É válida para quen aprende sen ningún coñecemento previo e tamén para quen quere mellorar as súas competencias.
Afundación lanza «Igualdade Dixital» despois de formar e asesorar a preto de 42.000 persoas maiores, entre 2015 e 2025, en temas relacionados co uso das tecnoloxías. Avanza así no cumprimento, ademais, dun dos obxectivos do seu Plan Estratéxico: apoiar o acceso das persoas maiores ao coñecemento e os servizos dixitais. Tan só no ano 2025, 1.631 persoas recibiron formación en temas relacionados co uso da internet, dispositivos móbiles ou computadores.
A nova forma da fenda dixital: a brecha competencial
Das 1.631 persoas que participaron en 2025 neste tipo de actividades formativas asociadas a proxectos de Afundación, o 62%, un total de 1.012, quixeron mellorar as súas habilidades no manexo de dispositivos móbiles. O indicador contrasta radicalmente co de 2015. Nese ano, só o 11% das persoas que participaron neste tipo de formación optaron por aprender máis sobre o manexo de teléfonos intelixentes. O 89% preferían a formación no uso dos seus equipos de escritorio. Esta evolución reflicte o avance das persoas maiores no uso da tecnoloxía e a súa incorporación maioritaria a internet a través dos dispositivos móbiles.
Neste período, 2015-2025, os indicadores da apropiación das tecnoloxías dixitais melloraron sensiblemente. Así o constatan os datos do Instituto Nacional de Estatística. As persoas de 65 a 74 anos empregan cada vez máis os medios telemáticos na súa vida cotiá. En 2015, só o 20% usaban diariamente internet. En 2025, a media foi do 75%.
Pero o maior uso de tecnoloxías non implica a desaparición das diferenzas entre idades á hora de acceder aos servizos da Sociedade da Información. Desde a Área de Maiores de Afundación explican que o que hai anos era unha brecha de acceso converteuse nunha brecha de competencias. Ou o que é o mesmo: as persoas maiores acceden máis a internet, e mesmo un 13% dos de 65 a 74 anos teñen competencias avanzadas. Pero segue sendo necesario apoiar o avance. Un dato: só 4 de cada 10 usuarios da internet desa idade concertaron algunha cita ou fixeron unha reserva en liña no último ano, fronte ao 62% do total das persoas usuarias da internet, sen discriminación por idades, que empregan este tipo de servizos.
Máis aló da idade: unha brecha multifactorial
Sempre de acordo aos datos do INE, un 27% das persoas de entre 65 e 74 anos, por exemplo, empregan as súas identificacións electrónicas para relacionarse coas administracións públicas. A media da poboación xeral no uso de certificados dixitais para trámites administrativos está no 52%. Indicadores semellantes refírense o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as tecnoloxías dixitais para facer reservas ou compras en liña.
Factores como o nivel socioeconómico, o nivel de estudos, o xénero ou o carácter rural ou urbano da poboación segundo o seu lugar de residencia tamén inciden na brecha.
A plataforma «Igualdade Dixital» está aberta a todos os públicos de todas as idades, pero os recursos do programa estarán orientados especialmente a este 73% de persoas de 65 a 74 anos que xa teñen acceso a internet, pero teñen competencias dixitais básicas ou menores. Para as persoas que aínda teñen dificultades de acceso ou ningunha competencia dixital, ofrécense accións presenciais baseadas nos contidos da plataforma con acompañamento para axudarlles a superar as barreiras de inseguridade ou falta de confianza na tecnoloxía.
Así o explicou durante a presentación da plataforma o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet. Tamén participaron na presentación Teresa Frade Lombardero e Augusto Bruyel Pérez, usuarios do programa de adquisición de competencias dixitais de Afundación e Pablo García Castro, formador e membro do equipo do Espazo+60 Afundación de Monforte.
O presidente de Afundación afirmou que «É imprescindible abordar esta transformación tecnolóxica desde a perspectiva do principio de igualdade e non discriminación; minimizando, na medida do posible, a fenda dixital que pode xurdir e que de feito xorde. Por iso, é eticamente necesario e unha urxencia social e democrática avanzar cara á construción dun dereito á inclusión dixital, de tal maneira que se mitiguen as asimetrías estruturais e se lles garanta a todas as persoas unha participación social equitativa, independentemente da súa idade, as súas limitacións, o seu contexto familiar, o seu lugar de residencia ou as súas condicións socioeconómicas, ideolóxicas e culturais».
Teresa Frade Lombardero lembraba como pasou dunha infancia sen teléfono en casa e ver a alguén falando por un móbil na rúa. «Hoxe estou moi agradecida porque estes dispositivos permítennos unha conexión impensable hai só unhas décadas, e para sacarlles o maior partido, vou ás clases porque se trata dunha forma de coidarnos, de non quedarnos nun recuncho as persoas maiores».
Augusto Bruyel asegurou que prefire perder a carteira antes que o móbil. «Eu pago co móbil as compras, uso waylet, banca móbil, contrato os hoteis en Booking, vou entrando nas tecnoloxías porque é práctico e hai que facelo».
O argumento que se percibe en ambas as declaracións salientouno o profesor Pablo García Castro: «Hoxe en día xa non hai medo, senón curiosidade. De modo que se avanza do querer aprender, ao lanzarse a usar a tecnoloxía».
Un proxecto desde a experiencia
O equipo da Área de Maiores de Afundación partiu da súa propia experiencia dos últimos 10 anos para concibir «Igualdade Dixital». A estratexia aplicada entre 2015 e 2025 centrou a súa actividade na rede de 11 centros de Afundación en toda Galicia, equipados con máis de 200 computadores portátiles e tablets, 11 pantallas interactivas dixitais e proxectores, e un equipo profesional especializado na formación en competencias dixitais e o asesoramento a persoas maiores, ofrecendo un acompañamento integral que lles permite vencer as barreiras, gañar confianza e avanzar con certeza.
Os centros continuarán sendo fundamentais no desenvolvemento de actividades presenciais para as persoas que necesitan acompañamento, pero a plataforma web «Igualdade Dixital» permite levar os recursos e os coñecementos máis aló das sedes de Afundación e da propia Obra Social de ABANCA, estando accesible para calquera persoa ou entidade que desexe acceder aos contidos, simplemente rexistrándose na plataforma.
Na plataforma web xa hai dispoñibles cursos sobre temas como o uso de teléfonos móbiles comezando desde cero; outros relacionados co uso de aplicacións móbiles relacionadas co benestar, a saúde, o lecer, ou trámites coa administración. Tamén sobre o uso de WhatsApp e outras redes sociais. Ou sobre seguridade dixital, uso da banca móbil, ou da IA.
83 accións abertas e gratuítas de abril a maio
O lanzamento do proxecto «Igualdade Dixital» leva asociado un programa de 83 accións gratuítas baseadas nos contidos da plataforma e abertas á cidadanía en 11 localidades nos meses de abril e maio. Estas accións presenciais están especialmente dirixidas ás persoas que teñen maiores dificultades de acceso á tecnoloxía e necesitan unha figura de confianza que as guíe. Na rede de Espazos +60 de Afundación haberá un total de 83 cursos de 1,5 horas cada un, neses dous meses, para a formación en competencias dixitais.
Imaxes e documentación adicional, dispoñibles nesta ligazón