Afundación inicia en Ourense os cursos presenciais de «Igualdade Dixital»
As persoas maiores empregan cada vez máis a miúdo, e cada vez con máis competencias, as tecnoloxías dixitais. Pero mesmo na franxa de idade de persoas con maiores competencias segue habendo unha importante fenda, en uso e coñecementos, con respecto ás xeracións posteriores: segundo o INE, unicamente o 13% das persoas de 65 a 74 anos teñen habilidades avanzadas fronte ao 53% de 25 a 34 anos. E iso inflúe, por exemplo, na capacidade de pedir unha cita no centro de saúde empregando só medios telemáticos. Ou de acceder a contidos de entretemento, participar nas redes sociais ou sentir seguridade ante posibles fraudes. Afundación dá un paso adiante na súa estratexia, tras máis dunha década enfocada na redución da fenda de acceso aos servizos dixitais por parte das persoas maiores, co lanzamento do proxecto «Igualdade Dixital» cun enfoque máis centrado no desenvolvemento de actividades formativas para mellorar as competencias dixitais.
«Igualdade Dixital» constrúese ao redor dunha plataforma web para a formación no uso de móbiles e as súas aplicacións. Está pensada tanto para a autoformación como para servir de apoio a proxectos formativos, e para o seu uso por formadores ou mentores dixitais.
O lanzamento do proxecto «Igualdade Dixital» leva asociado un programa de accións gratuítas baseadas nos contidos da plataforma e abertas á cidadanía en 11 localidades nos meses de abril e maio. Estas accións presenciais están especialmente dirixidas ás persoas que teñen maiores dificultades de acceso á tecnoloxía e necesitan unha figura de confianza que lles guíe. Na rede de Espazos +60 de Afundación haberá un total de 83 cursos de 1,5 horas cada un, neses dous meses, para a formación en competencias dixitais.
O vindeiro luns, 13 de abril, impartirase o primeiro curso, «Configura e personaliza o teu móbil», no Espazo +60 Ourense. A continuación programáronse formacións sobre «Caixeiros: banca 24 horas para facer a túa vida máis doado» e «Xestiona as túas contas con ABANCA móbil», o 27 de abril; «Aprende a enviar diñeiro con BIZUM», o 4 de maio; e «Ciberseguridade: conéctate a redes wifi sen riscos» e «Ciberseguridade: como facer as túas compras en liña de forma segura», o 25 de maio. Todas elas impartiranse en horario de 11.00 a 12.00 h, previa reserva na Aula Virtual de Afundación.
A plataforma
A web de «Igualdade Dixital» ofrece obradoiros interactivos, guías descargables, vídeos formativos, exercicios prácticos… Abordan temáticas clave como a ciberseguridade, a xestión da identidade dixital e o manexo de ferramentas administrativas básicas. A plataforma, que se pode usar gratuitamente previo rexistro, facilita unha aprendizaxe autónoma e intuitiva, con seguimento dos avances e un test de competencias iniciais para orientar no itinerario. Pero tamén pode ser empregada como recurso didáctico para actividades formativas presenciais de persoas que necesiten ou prefiran unha aprendizaxe guiada. É válida para quen aprende sen ningún coñecemento previo e tamén para quen quere mellorar as súas competencias.
Afundación lanza «Igualdade Dixital» desde a experiencia, despois de formar e asesorar a preto de 42.000 persoas maiores, entre 2015 e 2025, en temas relacionados co uso das tecnoloxías. Avanza así no cumprimento, ademais, dun dos obxectivos do seu Plan Estratéxico: apoiar o acceso das persoas maiores ao coñecemento e os servizos dixitais. Tan só no ano 2025, 1631 persoas recibiron formación en temas relacionados co uso da internet, dispositivos móbiles ou computadores. Afundación conta cun equipo profesional especializado na formación en competencias dixitais e o asesoramento a persoas maiores, ofrecendo un acompañamento integral que lles permite vencer as barreiras, gañar confianza e avanzar con seguridade.
A nova forma da fenda dixital: a fenda competencial
Das 1631 persoas que participaron en 2025 neste tipo de actividades formativas asociadas a proxectos de Afundación, o 62%, un total de 1.012, quixeron mellorar as súas habilidades no manexo de dispositivos móbiles. O indicador contrasta radicalmente co de 2015. Nese ano, só o 11% das persoas que participaron neste tipo de formación optaron por aprender máis sobre o manexo de teléfonos intelixentes. O 89% preferían a formación no uso dos seus equipos de escritorio. Esta evolución reflicte o avance das persoas maiores no uso da tecnoloxía e a súa incorporación maioritaria a internet a través dos dispositivos móbiles.
Neste período, 2015-2025, os indicadores da apropiación das tecnoloxías dixitais melloraron sensiblemente. Así o constatan os datos do Instituto Nacional de Estatística. As persoas de 65 a 74 anos empregan cada vez máis os medios telemáticos na súa vida cotiá. En 2015, só o 20% usaban diariamente internet. En 2025, a media foi do 75%.
Pero o maior uso de tecnoloxías non implica a desaparición das diferenzas entre idades á hora de acceder aos servizos da Sociedade da Información. Desde a área de Maiores de Afundación explican que o que hai anos era unha fenda de acceso converteuse nunha fenda de competencias. Ou o que é o mesmo: as persoas maiores acceden máis afenda internet, e mesmo un 13% dos de 65 a 74 anos teñen competencias avanzadas. Pero segue sendo necesario apoiar o avance. Un dato: só 4 de cada 10 usuarios da internet desa idade concertaron algunha cita ou fixeron unha reserva en liña no último ano, fronte ao 62% do total das persoas usuarias da internet, sen discriminación por idades, que empregan este tipo de servizos.