Afundación incorpora a «Corrente cultural», o seu proxecto de exposicións itinerante, «Arte e humor. Antonio Mingote»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, incorpora en 2026 a exposición «Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote» ao seu programa expositivo itinerante polas vilas galegas, «Corrente cultural», que no ano 2025 sumou un total de 40 000 persoas visitantes ás mostras organizadas nas diferentes localidades que se adheriron ao proxecto, que tamén conta coa participación de ABANCA. Organizada en colaboración coa Fundación Antonio Mingote, esta mostra percorre a historia da arte a través da mirada do aplaudido debuxante.
O primeiro destino desta nova proposta será O Barco de Valdeorras, con cuxo concello xa se asinou o acordo de colaboración e cuxa inauguración está prevista para o vindeiro 16 de xaneiro.
«Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote»
Desde que con tan só 13 anos publicara o seu primeiro debuxo en Gente Menuda, a súa traxectoria e éxito foron imparables. En 1946 empezou a colaborar como debuxante en La Codorniz, onde permaneceu ata 1953. Posteriormente incorporouse ao diario ABC, no que estivo debuxando durante máis de cincuenta anos ata o momento da súa morte. Tamén colaborou con numerosos medios escritos como The New York Times, The Daily Telegraph, Blanco y Negro, Semana, Ínsula ou Interviú.
Compaxinou o seu labor de debuxante co de xornalista e novelista e chegou a publicar máis de corenta obras, ademais de participar en pezas de teatro, cine e televisión. A súa extensa traxectoria foi recoñecida con innumerables premios e distincións, entre os que destaca, por exemplo, o mérito de ser o primeiro debuxante en formar parte da Real Academia Española (RAE). Recibiu a Cruz de Caballero de la Orden de Isabel la Católica, o Premio Nacional de Periodismo en 1980, a Medalla de Oro del Ayuntamiento de Madrid en 1995, a Medalla de Oro ao Mérito no Traballo en 1996, os doutoramentos honoris causa polas universidades de Alcalá de Henares e Rey Juan Carlos e, incluso, os recoñecementos como Alcalde Honorario do Parque de El Retiro en 1982 e como Cartero Honorario de España en 1998, entre outros moitos. Poderase visitar desde 16 de xaneiro ata o 22 de febreiro na Sala ABANCA do Barco de Valdeorras. O horario será os venres de 18.00 a 20.30 h, os sábados de 12.00 a 14.00 h e de 18.00 h a 20.30 h, e polas mañás, os grupos e colectivos, con previa reserva.
Esta exposición é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.