Afundación inaugura en Ourense unha mostra sobre o obxecto doméstico na creación galega dos últimos 100 anos
Un total de 36 obras de arte realizadas entre 1934 e 2008 por importantes nomes da creación en Galicia e que teñen como temática a representación artística dos obxectos domésticos forman parte da exposición «Doméstica. O obxecto contemporáneo na Colección de Arte Afundación», que se inaugurará esta tarde na Sala de Exposicións da Obra Social de ABANCA en Ourense. A mostra poderase visitar ata o vindeiro 13 de xuño, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e os sábados, domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.
O obxecto foi o protagonista historicamente do xénero do bodegón, presente xa no antigo Exipto, onde aparecen tumbas decoradas con pinturas de froitas, vexetais e outros produtos que haberían de alimentar ao falecido no máis aló. Polo bodegón sentiron fascinación os máis grandes pintores, especialmente desde o temperán barroco e ata hoxe en día, cando se contempla como un xénero moi diverso, apreciado e versátil. «Nesta exposición abordamos o obxecto desde unha perspectiva contemporánea ―todas as obras pertencen aos séculos XX e XXI― e en clave doméstica, dado que esta é a contorna antonomástica da vida cotiá, da intimidade. O doméstico non é só un espazo físico, senón un conxunto de relacións, funcións e anhelos que habitan nos fogares e definen aos seus habitantes, e por iso é polo que algúns artistas recorran a el para transmitir as súas experiencias persoais», subliña Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación e comisaria da exposición, durante a súa presentación esta mañá en rolda de prensa.
Diferentes aproximacións
As obras que poderá ver o público en Ourense desde hoxe combinan elementos tradicionais do xénero das naturezas mortas cunha perspectiva innovadora e conceptual. Apoiadas en orixinais composicións, buscan transmitir emocións e «reflexións sobre a vida e a sociedade contemporánea. Os obxectos representados exercen, en moitas ocasións, un papel simbólico, convidando o espectador a cuestionar o seu significado e a afondar nun mundo impactante e provocador».
No 1934, Francisco LLorens pintou Contraluz. No 2008, Antía Moure crearía B., unha fotografía dixital. Trátase da obra máis antiga e a máis recente das expostas en «Doméstica». As creacións expostas abarcan desde formulacións formais próximas ao naturalismo, ao realismo ou ao cubismo, ata alcanzar o conceptual ou o hiperrealismo, percorrendo á súa vez outras linguaxes diversas da arte contemporánea. A mostra exemplifica desta maneira as múltiples expresións da plástica galega.
En Ourense poden verse creacións de 36 artistas. Entre eles, nomes como Segura Torrella, Xaime Quessada, Elena Gago, Xurxo Oro Claro, Quintana Martelo, Lamazares, M.ª Victoria de la Fuente, Luis Seoane, Jorge Perianes, Arturo Souto, Carlos Rial, Loureiro, Francisco Llorens ou Maside.
A mostra está organizada en 5 seccións: a primeira, «Obxectos na mesa», convida a participar de diferentes mesas herdeiras do tema do bodegón, pero en clave contemporánea; en «Naturezas de interior» móstranse obras cuxas autoras e autores optaron por reflectir a natureza entendida como representación da beleza do efémero; en «Paredes pintadas» preséntanse obras de metapintura nas que a pintura se referencia a si mesma, á vez que consegue transmitir unha sensación de tranquilidade e harmonía; «Luces de cristal» dirixe a súa mirada cara á xanela como protagonista da composición; en «A metáfora do obxecto», os artistas utilizan obxectos cotiáns como símbolos, convidando o espectador a participar da obra coma se se enfrontase a un enigma; e a sección «A mirada fragmentada» reúne creacións nas que os patróns, a fragmentación e o ritmo están detrás dunhas composicións heteroxéneas que resultan fascinantes, intrigantes e mesmo hipnóticas.
Co obxectivo de achegar a arte contemporánea a públicos diversos a través deste proxecto expositivo, o equipo da Área Educativa de Afundación desenvolveu unha proposta didáctica que pon o foco no obxecto cotián como elemento artístico, simbólico e narrativo. A través de visitas adaptadas ás diferentes idades e obradoiros prácticos, a proposta fomenta a creatividade, o pensamento crítico e a conexión entre arte, ciencia e tecnoloxía. E é que, nos talleres, robotizaremos un bodegón moi especial.
«Doméstica» forma parte do programa Cultura por Alimentos, que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O acceso é libre mais, a modo de entrada solidaria, o público pode levar produtos non perecedoiros e depositalos nos contedores habilitados para tal fin nos accesos á exposición.
As fotos da presentación desta mañá, nesta ligazón.