
Afundación converte a mostra «Castelao grafista (facsímile)» nun espazo dinámico para 350 escolares de Sarria
350 escolares de Sarria apuntáronse xa á proposta didáctica deseñada por Afundación no marco da exposición «Castelao grafista (facsímile)», que se pode visitar na oficina municipal de turismo ata o próximo 4 de outubro en colaboración con ABANCA e o Concello de Sarria.
As imaxes están dispoñibles AQUÍ
As actividades deseñadas polo equipo da área Educativa de Afundación están adaptadas a cada etapa escolar. Así, os máis pequenos achéganse a Castelao a través de contos, mentres que o alumnado de etapas superiores enfróntase a un reto de investigación en equipo. A exposición convértese deste xeito nun espazo dinámico deseñado para descubrir todas as facetas dun creador que marcou a historia de Galicia.
A experiencia continúa despois de visitar a exposición cun debate no que os estudantes reinterpretan as ilustracións de Castelao para abordar as cuestións que lles preocupan. Ademais, na didáctica incorpóranse actividades STEAM, nas que as ciencias, a arte, a tecnoloxía e as matemáticas conxúganse para dinamizar unha aprendizaxe multidisciplinar, dixitalizando os debuxos do artista e intelectual rianxeiro e incorporando son.
A EXPOSICIÓN «CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE)»
No marco da conmemoración no 2025 do Ano Castelao, Afundación homenaxea o insigne intelectual e político rianxeiro con esta mostra, incluída no seu programa «Corrente cultural», desenvolvido en colaboración con ABANCA e os diferentes concellos galegos. Poderase visitar ata o vindeiro 4 de outubro, de luns a sábado en horario de 9.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h, na Oficina Municipal de Turismo.
Tamén se enmarca na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.
A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.