Afundación continúa con «Todas e todos contamos», actividades culturais para colexios con monitores con diversidade funcional
Esforzo, empatía, aceptación da diferenza, reforzo da autoestima ou respecto son algunhas dos ensinos presentes en «Todas e todos contamos», unha actividade impartida por persoas con discapacidade pertencentes á Fundación Igualarche da man de Afundación, a Obra Social de ABANCA. Este último trimestre do curso escolar 2025/2026, o proxecto continuará o seu percorrido por 8 novas localidades, coa participación de máis de 900 estudantes e 75 docentes. O proxecto pechará cunha última visita o próximo 11 de maio, conseguindo unha participación total de máis de 5300 escolares de 51 centros educativos das catro provincias galegas.
As datas previstas para este trimestre son: o 21 de abril no CEIP Plurilingüe A Reigosa, en Ponte Caldelas; o 22 de abril no CRA de Vilaboa; o 28 de abril no CEIP Plurilingüe Quintela, en Redondela; o 29 de abril no IES Campo de San Alberto, en Noia; o 30 de abril no CPREX O Castro International School, en Mos; o 5 de mayo no CPR Plurilingüe San José de Cluny, en Santiago de Compostela; o 6 de mayo no CPR Plurilingüe Abrente, en Vigo; e o 11 de mayo no CPR Sagrado Corazón de Jesús, en Pontevedra.
Esta revolucionaria proposta pon en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, fomenta a inserción laboral de persoas con discapacidade e promove a súa autoestima e confianza ao exercer un rol activo na sociedade. A relación que se establece entre alumnos e monitores contribúe a mellorar a sensibilidade afectiva e emocional dos escolares, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa, e facilitar o establecemento de relacións interpersoais.
Contacontos, teatro, proxeccións audiovisuais ou talleres musicais, todos eles impartidos por persoas con discapacidade pertencentes á Fundación Igualarte, conforman a programación de «Todas e todos contamos», que cada centro escolar pode escoller.
Para infantil e primeiro de primaria deseñáronse dous contacontos. En «A familia» nárrase un conto creado pola Fundación Igualarte, de maneira teatralizada, ademais de signar as partes máis fundamentais, o que permite aos escolares familiarizarse coa lingua de signos. A historia trata sobre as diferentes familias coas que nos podemos atopar (monoparentais, numerosas, dous pais, dúas nais etc.).
Este curso, tamén para infantil e primeiro de primaria, incorporouse a proposta «A serea no océano», un conto teatralizado para visibilizar a beleza do mar e concienciar sobre a importancia do coidado dos océanos a través de elementos sensoriais.
Desde primeiro a cuarto de primaria preséntase «As tarefas do fogar, entre todas e todos», unha obra de teatro participativa con moito humor para comprender e aprender rindo que a igualdade de xénero é cousa seria. Para quinto e sexto de primaria ofrécense un taller de percusión e outro de globoflexia.
Finalmente, para o alumnado de primeiro e segundo de ESO proxéctanse dúas curtas. Con lupa é unha historia cotiá e íntima, construída sobre os silencios na que se presenta un catálogo de miradas nas que xacen os nosos prexuízos e medos. E Por iso, que narra a historia dunha moza con discapacidade que ten a inquietude de prolongar os seus estudos e atópase con barreiras inesperadas. A curtametraxe reivindica a igualdade de oportunidades educativas.
«Todas e todos contamos» nace para se converter nun referente de boas prácticas aliñado cos valores de sensibilización social no marco dos centros escolares. O seu desenvolvemento lévao a cabo Afundación, a Obra Social de ABANCA, e conta coa colaboración da Fundación Igualarte, dedicada a traballar a favor do colectivo de persoas con discapacidade e a súa inclusión.