Afundación aborda o propósito e a resiliencia na etapa vital da vellez nos seus «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento»
Que significa envellecer con sentido e por que é relevante nun contexto de maior lonxevidade?, De que maneira afectan as perdas – de persoas, de roles, de capacidades– á nosa identidade? ou Que papel xoga a comunidade na construción dunha vellez significativa? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán nunha nova edición dos «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» que organiza Afundación. Terá lugar mañá martes, 17 de marzo, no Centro Obra Social ABANCA en Santiago (ás 18.30 horas, Praza de Cervantes s/n).
Estas dúas especialistas de primeiro nivel compartirán os seus coñecementos neste diálogo aberto ao público, titulado «Envellecer con sentido: propósito, recoñecemento e resiliencia». Trátase da filósofa e catedrática de Humanismo e resiliencia social Anja Machielse, unha das principais investigadoras europeas no estudo do sentido vital, a soidade e a resiliencia na vellez; e de Sara Marsillas, investigadora en Matia Instituto onde desenvolve proxectos de investigación e de acción nacionais e internacionais.
O diálogo
Neste encontro, Anja Machielse, en conversación con Sara Marsillas, abordará o envellecemento desde unha perspectiva filosófica e social. Unha mirada centrada en como nos adaptamos aos acontecementos vitais que adoitan marcar esta etapa – a xubilación, as perdas, os cambios nos roles ou na saúde – e en como podemos seguir construíndo unha vida con sentido.
A conversación poñerá o foco no envellecemento significativo: o proceso no que a persoa percibe que a súa vida ten valor, que importa a outros e que continúa conectada a algo máis amplo —persoas, comunidade, valores ou contribución—. Desde a súa traxectoria investigadora, Machielse profundou na importancia do recoñecemento social, a pertenza e a resiliencia como piares para afrontar a soidade, a perda de propósito ou a fraxilidade relacional que ás veces acompaña á vellez. As súas achegas cuestionan os modelos normativos do envellecemento activo, entendido como hiperactividade: envellecer con sentido non é facer máis cousas, senón que a vida siga importando.
Perspectiva multidimensional
Os «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» son un ciclo divulgativo e científico no que voces autorizadas abordan, desde unha perspectiva multidimensional, accesible e amena, aspectos da investigación científica relacionados co proceso do envellecemento. Nos diálogos trátanse, ademais, os factores cotiáns e sociais que inflúen en como vivimos e envellecemos – a nutrición, o exercicio, o soño, as relacións sociais, etc. – sobre os que podemos incidir de forma directa ao longo da nosa vida.
Os «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» organízanse en tres niveis. Por unha banda, celébranse encontros con personalidades científicas dos ámbitos da bioloxía, demografía, economía, psicoloxía, medicina, etc. para presentar os avances e perspectivas das investigacións sobre o envellecemento e a lonxevidade, como o do próximo martes.
En segundo lugar, «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» programa en diferentes sedes de Afundación conversacións con profesionais da saúde e do benestar que aplican o coñecemento científico para promover unha vida máis duradeira e saudable. Ademais, a Obra Social de ABANCA desenvolve, ao amparo deste ciclo, talleres na súa rede de 11 Espazos +60 nos que as persoas maiores son as protagonistas e contribúen a construír unha cultura de envellecemento activo e saudable. É o caso de proxectos como «Coñecendo as Emocións» e «Profundando as emocións», ou talleres de prevención da saúde cognitiva ou de atención ás condicións físicas.