
Afundación, ABANCA e o Concello de Sarria asinan un convenio para expoñer «Castelao grafista (facsímile)»
O Concello de Sarria, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, rubricaron esta mañá, no Concello de Sarria o acordo de colaboración para expoñer a mostra «Castelao grafista (facsímile)». Ao acto asistiron Claudio Garrido Martínez Gil, alcalde de Sarria; Edita Belón López, directora da oficina de ABANCA en Sarria (Lugo); e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.
A exposición «Castelao grafista (facsímile)» poderase visitar desde o 5 de setembro ata o próximo 4 de outubro, de luns a sábado en horario de 9.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h, na Oficina Municipal de Turismo do Concello de Sarria.
No marco da conmemoración en 2025 do Ano Castelao, Afundación homenaxea ao insigne intelectual e político rianxeiro con esta mostra, incluída no seu programa «Corrente cultural», desenvolto en colaboración con ABANCA e os distintos concellos galegos.
Imaxes da firma, dispoñibles AQUÍ
A EXPOSICIÓN «CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE)»
A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.