
ABANCA, Afundación e o Concello de Vila de Cruces amosan «Nós tamén fomos emigrantes»
ABANCA, Afundación e o Concello de Vila de Cruces inauguraron esta a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX», que se poderá contemplar no Auditorio Xosé Casal ata o 19 de outubro, de martes a venres en horario de 16.00 a 21.00 h e de 16.00 a 19.00 h. Ao acto asistiron o alcalde do Concello de Vila de Cruces, Luis Celso Taboada; o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López; o coordinador institucional de ABANCA en Pontevedra, José Luis Romero; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.