ABANCA, Afundación e o Concello de Ponteceso presentan a mostra «Nós tamén fomos emigrantes»
ABANCA, Afundación e o Concello de Ponteceso inauguraron esta mañá a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». O acto institucional contou coa presenza do alcalde, José Manuel Mato Martínez; da coordinadora de Relacións Institucionais de Afundación, Verónica Rego López; e, por parte de ABANCA, do coordinador institucional, José Manuel Vilariño Orgeira, do director de zona, Jacobo Sanchez Fernández, e da directora de oficina, Raquel Guardado Gesto. A mostra estará aberta ao público no Centro Cultural de Ponteceso ata o 21 de agosto. Poderase visitar de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h.
Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.
Imaxes da inauguración AQUÍ