ABANCA, Afundación e o Concello de Ferreira de Pantón amosan «Nós tamén fomos emigrantes»
ABANCA, Afundación e o Concello de Ferreira de Pantón inauguraron esta mañá a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX», que se poderá visitar na Casa da Cultura ata o 23 de marzo, de luns a venres de 10.00 a 20.00 h e sábados de 10.00 a 14.00 h. Ao acto asistiron José Luis Álvarez Blanco, alcalde de Pantón; Cristina Domínguez Vázquez, concelleira de Cultura de Pantón; Carlos Teijeiro Pita, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; Patricia Quiroga, directora da oficina de ABANCA en Pantón; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
Imaxes da inauguración AQUÍ
Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.