ABANCA, Afundación e o Concello de Dumbría presentan a mostra «Rostros das coleccións de ABANCA e Afundación» no Ézaro
O Concello de Dumbría, ABANCA e Afundación presentaron a mostra de rúa «Rostros das coleccións de ABANCA e Afundación». O acto de inauguración tivo lugar esta mañá na praza do Cristo do Porriño e contou coa asistencia do alcalde do Concello de Dumbría, Raúl González; o director de Zona Santiago - Costa da Morte de ABANCA, Luis Braulio Álvarez; o director de oficina de ABANCA, Aarón López; o coordinador institucional de ABANCA na Coruña, José Manuel Vilariño; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación e Responsable de Exposicións, Paloma Vela. A mostra permanecerá nas inmediaciones da Fervenza do Ézaro ata o vindeiro 31 de maio.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Chamamos retrato á imaxe dunha persoa reproducida en pintura, escultura, debuxo ou fotografía, que describe a apariencia e o carácter do individuo representado. Ao longo da historia da arte, o retrato foi un dos xéneros de maior prestixio, cuxo interese radica en que non só se trata dunha representación do individuo, senón que tamén nos fala das diferentes épocas históricas, os seus códigos e os seus signos de identidade. Hoxe en día, as imaxes de rostros enchen as nosas pantallas, dende as redes sociais ata as campañas publicitarias, e reflicten a nosa sociedade globalizada e conectada. Os selfies da era dixital democratizan a arte do autorretrato xogando un importante papel na construción da identidades persoais e colectivas.
Esta mostra invita explorar as diferentes interpretacións que os artistas fixeron (e fan) deste xénero, a afondar nos recordos das xentes que evocan, nas sensacións que transmiten e nas novas fórmulas que se foron introducindo desde finais do século XIX ata os nosos días, ao compás dos movementos artísticos que se van sucedendo. Unha selección de obras galegas pertencentes ás Coleccións de Arte ABANCA e Afundación de artistas como Sotomayor, Ramón Caamaño, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Segura Torrella, Maruja Mallo, Laxeiro ou Luís Seoane, entre outros.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.