ABANCA, Afundación e o Concello de Cangas presentan a exposición «Arte en tinta»
ABANCA, Afundación e o Concello de Cangas inauguraron esta mañá a exposición «Arte en tinta», unha mostra que estará ata o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Municipal de Cangas. Ao acto de presentación asistiron a alcaldesa do Concello de Cangas, Araceli Gestido Rodríguez; a concelleira de Cultura, Xiana Abal Augusto; a concelleira de Atención Veciñal, Mª Aurora Prieto Gago; o coordinador institucional de ABANCA en Pontevedra, Luis Romero Quiroga; e responsable de programas educativos de Afundación, Carmen Pérez Larrán. Estará aberta ao público de martes a sábado, en horario de 17.00 a 21.30 h.
Imaxes da inauguración AQUÍ
Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Tamén se enmarca na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) coa finalidade de aportar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.
A EXPOSICIÓN «ARTE EN TINTA»
«Arte en tinta», conformada por obras da Colección de Arte Afundación, realiza un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes presentes na arte contemporánea a través de nomes destacados do panorama español e galego. O hiperrealismo de Eduardo Naranjo ou Quintana Martelo, o mundo onírico de Jorge Castillo, a delicadeza de Carmen Laffon, o equilibrio luminoso de Berta Cáccamo, a abstracción de Broto ou o volume de Chillida son algúns dos aspectos que afloran nesta mostra.
Este proxecto supón un apoio á técnica do gravado, tan descoñecida como interesante, e que foi utilizada por algúns dos máis importantes nomes do noso panorama artístico para realizar traballos de gran forza expresiva. A temática das diferentes obras flúe desde o concreto ao abstracto, dos obxectos á arquitectura, dos animais ás persoas. O real, o imaxinario e o abstracto conviven nos diferentes procesos e técnicas do gravado (augaforte, augatinta, xilografía, litografía, serigrafía, electrografía, punta seca, etc.). Estas distintas temáticas, compartindo un mesmo espazo, permiten transmitir que a énfase da exposición reside na diversidade, nas posibilidades inherentes ás técnicas do gravado e, por suposto, na liberdade creativa da arte contemporánea.