ABANCA, Afundación e o Concello de Barreiros presentan a exposición fotográfica «Fauna esencial»
O Salón de Actos do Centro Cultural de Barreiros acolle a exposición de fotografías «Fauna esencial», un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural, unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Barreiros, ABANCA e Afundación. O acto de inauguración tivo lugar esta mañá e contou coa asistencia de Ana Belén Ermida Igrexas, alcaldesa de Barreiros; Carlos Teijeiro Pita, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
As imaxes están dispoñibles AQUÍ
Esta mostra, de entrada libre e de balde, poderase visitar ata o 10 de abril en horario de luns a venres de 09.30 a 14.30 h.
Esta exposición é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
A EXPOSICIÓN «FAUNA ESENCIAL»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, propón esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para por en valor a diversidade dos animais salvaxes, recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, «Fauna esencial» inspíranos a valorar e respectar as especies do noso medio, garantindo así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.
A exposición «Fauna esencial» é unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.
Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.