A galiña azul, un clásico de la literatura infantil que habla de diversidad y solidaridad, en Afunda
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o mércores 21 e o xoves 22 de xaneiro, ás 10.00 e ás 12.00 h, no Teatro Afundación Vigo, unha nova proposta escénica dentro da súa programación de actividades para escolares: A galiña azul, de Tanxarina Títeres, dirixida a público de 1º e 2º de educación primaria. Asistirán preto de 1340 estudantes procedentes de 17 centros educativos de Vigo e localidades derredor.
Este espectáculo recibiu o Premio Fetén a Mellor Espectáculo de Monicreques e o Premio María Casares a Mellor Espectáculo Infantil no 2018. Lourenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na ala dereita. Unha galiña moi bonita e moi rara, que pon ovos de cores. Ademais, non di «cacaracá» coma as outras galiñas, di «cocorocó» e isto ten preocupadas ás autoridades. Un espectáculo que fala da diversidade e da solidariedade a través dun clásico da literatura infantil que cobra vida a través de fermosos bonecos e unha tenra historia.
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas. A programación está deseñada para promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.