Afundación organizará unha conferencia de David Calle en Vigo
17.03.2017 Afundación acollerá o 28 de abril Vigo unha conferencia de David Calle que se encadra no ciclo de relatorios denominado «Educación e docencia no século XXI» que organiza Afundación. David Calle é un dos dez finalistas ao prestixioso Global Teacher Prize que se fallará en Dubai o domingo 19 de marzo.
David Calle é Enxeñeiro de Telecomunicacións e compatibilizou os seus estudos universitarios dando clases nunha academia de apoio ao estudo que, anos máis tarde, lle serviu para reencontrarse coa súa paixón pola docencia. Tras o seu paso por diferentes multinacionais do sector, como IBM, SIEMENS ou NOKIA, ERICSSON e NORTEL NETWORKS (enmarcadas no proxecto XFERA), en 2003 decidiu reformularse a súa carreira profesional e retomou o seu traballo como profesor de apoio ao estudo. Atopada a súa paixón e verdadeira vocación, en 2005 fundou o seu propio centro de estudos no cal segue traballando, e, en 2011, unicoos e unicoos.com, a canle de Youtube e a plataforma educativa en fala hispana máis importantes do mundo na súa categoría. Recentemente foi elixido Youtuber do Ano nos premios Bitácoras 2016 e elixido entre os 50 candidatos ao Global Teacher Prize, considerado o premio Nobel da educación.
O ciclo de conferencias no marco estratéxico de Afundación
O obxectivo no eido formativo de Afundación está definido pola vocación a favor dunha educación comprometida mediante a defensa dun sólido sistema educativo integral. Por iso, Afundación decidiu complementar as súas propostas neste ámbito cun ciclo de conferencias aberto a todas as partes integrantes da comunidade educativa. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas de Afundación pretenden complementar o ensino académico, nomeadamente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada nena e de cada neno das ferramentas necesarias para perseveraren na adquisición da súa autonomía persoal.
As propostas da Área Educativa Afundación abranguen múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a relevancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nun contorno que innova de xeito permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.