Coas accións que se describen a continuación pretendemos renovar o imaxinario colectivo a través de modelos positivos, diversos e reais de persoas maiores.

60+ COUNTS. Día Internacional das Persoas Maiores

En 2017 sumámonos a esta celebración ao longo do mes de outubro e convidamos á cidadanía a sumarse instalando diante das súas sedes un mosaico construído con mensaxes de apoio a esta campaña ata formar un único lema común: «Os de + 60 contamos. O valor da experiencia».

Día Europeo da Solidariedade Interxeracional

A escritora Yolanda Castaño e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, canda persoas socias do Espazo + 60 de Santiago e estudantes do IES Rosalía de Castro protagonizan esta versión do manifesto de Afundación para a celebración, o domingo 29 de abril de 2018, do Día Europeo da Solidariedade Interxeracional.

O día 29 de abril reivindicamos a necesidade de superar calquera forma de discriminación por razón de idade e a importancia de que as persoas de todas as idades estean conectadas e se respecten mutuamente. Para iso, servímonos dun manifesto protagonizado polos maiores do noso centro de Betanzos e mozos e mozas do IES Francisco de Aguiar da mesma localidade, e que foi difundido nas nosas sedes e redes sociais.