Enrique Lorenzo Vila
Nado en Vigo en 1970, é licenciado en Trompa con Mención de Honra polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Posúe un Máster en Didácticas Especiais pola Universidade de Vigo e obtivo a licenciatura Cum Laude en Dirección de Orquestra e Banda pola Royal School of Music de Londres. Na actualidade, é Catedrático de Trompa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Ao longo da súa carreira, foi trompa solista da Orquestra da Comunidade Autónoma de Galicia, coa que realizou xiras de concertos polos principais teatros de Sudamérica, visitando cidades como Bos Aires, Santiago de Chile, Caracas, Montevideo e Bogotá. Colaborou con diversas orquestras, entre elas a Orquestra "Ruperto Chapí" de Madrid, a Sinfónica de Cannes, a Orquestra "Anxanum" de Italia, a Orquestra do Conservatorio Superior de Nápoles, a Orquestra de Cámara da Coruña e a Filharmónica de Vigo.
A súa experiencia docente abrangue tanto centros públicos como privados, impartindo master classes en cidades como Alhandra e Tomar (Portugal), así como en Roma, Nápoles, Padua e Mantua (Italia), ademais de en diversas localidades de Galicia. Como director convidado, traballou coa Banda Municipal de Huelva, a Banda Municipal de Lugo e outras agrupacións galegas.
Comprometido coa formación musical e o fomento da cultura, é director da Escola de Música, a Agrupación Musical e a Coral Atlántida de Matamá, así como da Coral San Mamede de Zamáns. Ademais, preside a Asociación de Corais Polifónicas de Vigo (ACOPOVI) e a Federación de Bandas de Música Populares de Vigo.
