Adolfo de Abel Vilela
Nado en Lugo en 1946, é enxeñeiro técnico agrícola en Explotacións Agropecuarias, graduado en Artes Aplicadas na especialidade de Cerámica, licenciado en Xeografía e Historia (especialidade en Arte Moderna e Contemporánea) e doutor en Xeografía e Historia. Especialista na muralla romana de Lugo, ten publicados 886 artigos, 34 libros e colaborou con outros autores en 31 obras colectivas.
Desenvolveu a súa traxectoria docente como profesor de Xeoloxía e Bioloxía no Instituto Politécnico de Lugo entre 1973 e 2006, e posteriormente como profesor de Historia da cidade no IV Ciclo do campus universitario de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (2011-2025). Académico correspondente da Real Academia da Historia desde 1994, comisariou catorce exposicións, entre as que destacan a dedicada a Pacios, pintor e escultor (Fundación Caixa Galicia - Claudio Sanmartín, 1996), e a exposición antolóxica de Manuel Abelenda Zapata (Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1998).
No ámbito institucional, foi deputado do primeiro Parlamento de Galicia (Alianza Popular) e ocupou cargos de delegado nas consellerías de Cultura, Educación e Cultura, e Cultura e Benestar Social entre 1982 e 1987. Así mesmo, foi o primeiro delegado da Xunta de Galicia en Lugo e director xeral de Política Lingüística entre 1987 e 1989.
