VOAR COA IMAXINACIÓN. Unha exposición SIMULTÁNEA, en Vigo
Co gallo do 10º aniversario de Afundación, Obra Social ABANCA, convidámoste a unha festa creativa que celebra por toda Galicia a arte e a cultura a través do macroproxecto SIMULTÁNEA: con sete exposicións, en sete cidades. A Colección de Arte Afundación é o eixe deste traballo minucioso que se expón a un tempo nos nosos espazos culturais, sendo a Sede Afundación Vigo encargada de acoller unha destas múltiples mostras, VOAR COA IMAXINACIÓN. Ven coñecer a singular maxia da Colección envorcada na fantasía como elemento fundamental da creación artística galega, con obras e artistas fundamentais da arte en Galicia do século XIX aos nosos días. Do 9 de outubro ao 25 de xaneiro de 2025, agardámoste no noso espazo en Vigo.
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA, AQUÍ.
VISITAS GUIADAS
A partir do 17 de outubro, cada xoves, ás 19.00 h
Inscricións AQUÍ
PASAPORTE SIMULTÁNEA
Convidámoste a viaxares por Galicia adiante e aproveitares para ir visitando cada unha das nosas exposicións SIMULTÁNEA nas sete principais cidades galegas. Con visitares 3 delas e selares o pasaporte, entras nun sorteo!
Comeza a desfrutar do periplo, descubrindo a arte e a tradición galega en cada espazo. Ao final do camiño, igual tes premio!
Solicita xa O TEU PASAPORTE AQUÍ.
Comisariado | PALOMA VELA
CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos FESBAL, tamén forma parte das sete exposicións de SIMULTÁNEA. Colabora cos bancos de alimentos locais, accedendo á mostra e ás súas actividades paralelas cunha doazón de alimentos non perecedoiros. Grazas!
A ilusión compartida que nos move. Infórmate aquí
A MOSTRA
A fantasía é aquilo que está fóra das leis naturais, que cativa as nosas mentes, enriquece os nosos mitos e poboa as nosas ilusións con imaxes imposibles ou esaxeradas. Non é estraño, por tanto, encontrarnos con este tema de forma repetida na arte, ensinándonos, así, os nosos pensamentos e soños máis irreais. Esta exposición permítenos descubrir, a través das obras da Colección de Arte Afundación, algúns dos diferentes aspectos da fantasía nas artes plásticas, o seu carácter, as súas formas e os seus obxectivos.
O grande impulso ao fantástico deuno, na historia da arte, o expresionismo nas primeiras décadas do século XX, cunha distorsión da realidade na procura da expresión dunha perspectiva persoal. Outro importante impulso chegou da man do surrealismo que, influído polo escritos de Freud sobre a interpretación dos soños, deixou aflorar a imaxinación dos artistas, accedendo ao subconsciente e acadando transmitir os seus pensamentos e ideas sen intervención da razón.
A identidade galega sempre estivo moi preto da fantasía e do irreal. Mitos, lendas e contos poboaron o noso imaxinario permitindo unha convivencia natural entre fantasía e realidade dentro da nosa cultura. Desta fonte e das correntes artísticas europeas do século XX, beben os artistas desta exposición, que nos permiten un percorrido por algúns dos mellores exemplos de como se amosa a fuxida do real na arte galega.
Sesenta e seis propostas e cincuenta e seis artistas do talle de Eugenio Granell, Alfonso Sucasas, Manolo Moldes, Carlos Alcolea ou os artistas da contorna viguesa, Menchu Lamas, Jorge Barbi, Antonio Murado, Din Matamoro, Tono Carbajo ou Lugrís Vadillo.
APARTADOS
ANTES DO ESPELLO
O retrato asómase de forma tímida entre as sombras, pero non é un retrato de faccións, senón de emocións, de inquietudes, un retrato existencial de formas fluídas e indefinidas cunha función representativa. A figura humana que se nos presenta nestas obras está reducida á súa mínima esencia, deixándoa ao borde de pasar a integrar o fondo, e amosando inquietudes como o temor a desaparecer, a crear, a nacer ou a ficar na fronteira entre a existencia e o baleiro. A mirada subxectiva do artista entréganos individuos distorsionados, baseados en linguaxes de forte carga expresionista, que podemos interpretar como retratos máis fieis ca aqueles que amosan as faccións do rostro.
A MIRADA DO ERRABUNDO
A representación do corpo humano é asumida como a representación dunha persoa, unha que camiña, pensa ou actúa, pero tamén pode tratarse dun corpo errante imaxinario ou a representación mesma da humanidade como concepto xenérico. O ser humano como ser errante, en busca constante, fuxindo ou reflexionando fronte ao abismo, son algunhas das perspectivas que estas obras nos ofrecen e que poboan xuntas un universo inquietante e un camiño á introspección.
LINGUA DE SIGNOS
O signo é a unidade mínima de expresión, unha partícula da comunicación, sempre parte dun crebacabezas máis complexo. As obras seleccionadas neste epígrafe amósannos elementos reais e recoñecibles, pero interpretados desde unha óptica irreal. Son insectos, plantas ou obxectos que exercen de portas cara a mundos de fantasía construídos polos diferentes artistas. Imaxes evocadoras e inspiradoras que contan historias apoiadas en signos e imaxes que o visitante pode interpretar e descifrar, construíndo, así, a súa particular viaxe ao mundo da fantasía.
A CORTE ONÍRICA
Os soños son o campo máis familiar dentro do irreal, un lugar común e persoal que vai alén de mentes creativas ou dispersas; todos participamos do acto de soñar, polo que todos temos visións involuntarias do fantástico. Estas visitas ao imposible alimentan a mente dos artistas e ofrécenlles fontes de inspiración interna que suxiren un proceso máis persoal, de autodescubrimento, a través do acto da creación. As obras deste epígrafe invítan a descubrir personaxes e escenarios irreais que ben poderían ser habitantes dos nosos soños ou pesadelos, e que enxalzan os universos do onírico como forma de expresión persoal.
MENSAXES TRANSLÚCIDAS
A clave fundamental deste epígrafe é a creación dunha galería de obras que parecen exercer de ventás cara a mundos irreais agachados dentro da peza. Un grupo heteroxéneo de traballos que nos amosan a materia prima da que se extraen ideas sobre identidade, emoción ou sostibilidade, entre outros temas. A figura humana case desapareceu da obra para deixar no seu lugar as reflexións e percepcións tratadas desde unha perspectiva conceptual. Desde o vertido de Berta Cáccamo, ata o corazón con estadas de Tono Carbajo, ou a preocupación histórica de Xesús Vázquez, entre outras propostas, estas obras adoptan a fantasía ao servizo dunha mensaxe, máis ou menos translúcida, que comunicar á sociedade.
CATÁLOGO
O proxecto SIMULTÁNEA, coas súas sete exposicións nas sete urbes galegas, recóllese neste traballo que pretende centrar a ollada nas relacións e diálogos que enriquecen a lectura da Colección de Arte Afundación alén do seu interese cronolóxico. Este catálogo, pois, é un reflexo da diversidade de ópticas con que foi analizada e organizada desta volta a Colección. Foron sete especialistas quen abordaron as introducións de cada un dos seus sete capítulos:
José Manuel García Iglesias, MODO RETRATO; Asunta Rodríguez, O OBXECTO CONTEMPORÁNEO E DOMÉSTICO; Carlos L. Bernárdez, ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO; Federico L. Silvestre, ESPAZO ABERTO E NATUREZA; Miguel Ángel Cajigal, ABSTRACCIÓNS E MENSAXES CIFRADAS; Mercedes Rozas, ARQUITECTURAS NARRADAS; Pilar Corredoira, VOAR COA IMAXINACIÓN.
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA AQUÍ.