Visita Guiada ao Cemiterio de San Francisco - Espazo +60 Ourense
A visita guiada ao Cemiterio de San Francisco ofrece un percorrido polo romántico camposanto situado na parte alta da cidade, nas faldas do Montealegre, vinculado ao antigo convento de San Francisco. O cemiterio, declarado Ben de Interese Cultural no ano 2000, combina beleza arquitectónica, historia e memoria, sendo un lugar que captivou poetas e artistas ourensáns, que atoparon aquí o seu último lugar de repouso.
Durante a visita, os participantes poderán contemplar a harmonía entre natureza, arte funeraria e historia, coñecendo un dos espazos máis emblemáticos e cheos de memoria da cidade de Ourense.
O Cemiterio de San Francisco, foi inaugurado en 1834, e está situado na parte alta de Ourense, aos pés do Montealegre, é un camposanto de aproximadamente dúas hectáreas cun notable valor patrimonial. A súa entrada principal conta cunha porta dobre de pedra que presenta un cranio tallado e unha inscrición reflexiva sobre a vida e o destino da alma. No interior do recinto, os camiños empedrados atravesan distintos patios, xunto a bancos, un cruceiro e zonas de contemplación.
O cemiterio está bañado pola luz desde o amencer ata o ocaso, e os aromas de laureles e cipreses acompañan a beleza dos seus mausoleos, lápidas e recunchos.
Prezo:
- 6 € (16-20 persoas)
- 8 € (ata 15)
Podes inscribirte ata o venres día 5 no Espazo +60 a través do 988 23 63 03 ou no formulario.